luns 06/12/21
A peza inclúe imaxes inéditas e testemuñas dos protagonistas do Entroido

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV estreará a curta Capuchóns, do verinense Íñigo Rolán

Cartel da curta do verinense Íñigo Rolán.
Cartel da curta do verinense Íñigo Rolán.

Durante a VI Edición do FIC Vía XIV, estrearase de xeito oficial Capuchóns, unha curta documental sobre o Entroido de Verín elaborada por Íñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. Esta peza, de 13 minutos, recupera a través de imaxes de arquivo inéditas e testemuñas dos protagonistas do carnaval a esencia desta festa durante os anos 70, 80 e 90. A estrea contará coa participación do director da peza e das persoas que constitúen a voz en off deste documental.

A curta aborda unha época na que as celebracións mantiñan un carácter enxebre, na que a fariña estaba presente todos os días e na que as carrozas non lucían só o Domingo de Entroido. Un manifesto a prol da volta a unhas tradicións que se perderon desde hai moito anos debido á visión máis turística que colleu o Carnaval de Verín.

Esta curta explica como se xestou o desfile de 1967, o primeiro organizado por unha comisión durante a ditadura franquista, momento no que todo tipo de festividade relacionada con Entroido estaba prohibida. E tamén amosa as rúas baleiras de Verín en febreiro de 2021, ano no que, por mor da Covid19, a mellor festa da vila non se puido celebrar.

Ademais, Rolán Taboada tamén elaborou un documental interactivo sobre o mesmo tema no que, a través das testemuñas dos mesmos protagonistas, o usuario ou usuaria poderá navegar a través das diferentes temáticas expostas no índice ao seu parecer. Unha forma de construír a historia que axudará ás persoas que se afonden a coñecer a esencia do Entroido de Verín en todo o seu esplendor.

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV estreará a curta Capuchóns, do verinense Íñigo Rolán
comentarios