sábado. 05.10.2024
Foto Ángel Manzano.
Ángel Manzano será o responsable dese innovador curso.

A organización da VI edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, comeza a perfilar a axenda de actividades paralelas que cada ano envolve ao certame. “Entre as máis sobranceiras de cantas se desenvolverán este ano, destaca a posta en marcha dun Curso de Guión en Cinema, que estará impartido por Ángel Manzano, vicepresidente da Asociación Galega de Guionistas e presidente do Foro da Asociación de Guionistas Audiovisuais”, precisa Carlos Montero, director do FIC.

A iniciativa está aberta a todas as persoas, de calquera idade, interesadas en contar unha historia e estruturase en tres fases. A primeira delas consistirá nunha clase maxistral telemática, que se realizará a principios de xuño, na que os inscritos poderán coñecer de primeira man certos aspectos xerais relacionados co guion cinematográfico: que é un guion, como se realiza, como se estrutura e como se ordena a idea.

A segunda fase afondará nos aspectos técnicos do guión: como se desenvolve, xiros, relevancia dos diálogos, ritmo e tono. Esta segunda fase tamén se realizará de xeito telemático, uns 15 días despois da primeira.

Tras estas clases maxistrais, os inscritos terán case dous meses para desenvolver un guion de seu e xa na semana do festival haberá titorías individualizadas de estudo do material creado por parte de Ángel Manzano.

Os interesados e interesadas en participar nesta iniciativa, que ten un máximo de seis prazas limitadas, poderán inscribirse enviando un email cos seus datos a [email protected]. O custe é tan só de 30 euros ao estar subvencionada, na súa maior parte, pola organización do Festival.

NOTICIAS VERÍN | No VI Festival de Curtas ensinarán como facer o guion dun filme