domingo 29/11/20
O director do filme que este domingo se estrea, María Solinha, fala das potencialidades da industria audiovisual galega

Ignacio Vilar: "Temos que dar a coñecer ás nosas grandes mulleres, e o cine é unha boa oportunidade para facelo"

O ourensán Ignacio Vilar fala para Diario do Támega do filme que este domingo, no autocine da vila de Verín, estreará para o mundo. As portas abrirán ás 20:30 horas, ás 21:30 terá lugar unha gala inaugural e unha hora máis tarde comezará a proxección de María Solinha, a película que trae ata a nosa época a historia da bruxa de Redondela (Pontevedra).

Ignacio Vilar, na rodaxe de María Solinha, en Redondela (Pontevedra) | FOTO: Vía Láctea.
Ignacio Vilar, na rodaxe de María Solinha, en Redondela (Pontevedra) | FOTO: Vía Láctea.

Este domingo 21 de xuño estréase mundialmente, no autocine de Verín, María Solinha: a nova filme de Xosé Ignacio Vilar. Nado en Petín (Ourense) en 1951, estudou cinema en Barcelona, a onde se trasladou aos dezaoito anos. En 1989 gaña o Carlos Velo polo guión "Ollo Birollo", volve a Galicia e monta a produtora Vía Láctea Filmes coa que dirixe curtas en 35 mm, documentais e series para televisión.
O guionista e director de Pradolongo, Vilamor e A Esmorga regresa á gran pantalla, esta vez nos autocines do rural galego, para revalorizar aquela historia da muller forte galega do século XVII e invitarnos a novas reflexións sobre a María Solinha do século XXI.

María Solinha representa a primeira estrea en autocines do país galego e terá lugar no rural antes que nos cines das grandes cidades. Que mensaxe quere transmitir con esta innovación?

É certo que normalmente as miñas películas (A Esmorga, Pradolongo, Vilamor, ...) estreáronse nos cines das salas comerciais e despois iamos ao rural. No caso de María Solinha, tiñamos pechadas proxeccións en todas as salas de cine de Galicia, incluso as das multinacionais, e tamén nos cines das grandes cidades en España; pero o Coronavirus desbaratou todo. Entón pensamos que a estrea podería ter lugar de maneira diferente, esta vez en todos os concellos que non teñan cine. María Solinha non será estreada en ningunha vila nin cidade que teña cine.

Esta nova situación lévanos a que a xente do rural, penso que por primeira vez na historia do cine, vai asistir antes á estrea que a xente da cidade. A mensaxe é que creo que debemos apoiar o noso rural, que debemos consumir o que se produce no noso entorno para potenciar a economía local. Neste sentido, nas estreas promociónanse produtos locais que apoian aos campesiños e campesiñas da zona, e tamén se tenta axudar a esa reivindicación do rural tan necesaria.

Esta nova situación lévanos a que a xente do rural, penso que por primeira vez na historia do cine, vai asistir antes á estrea que a xente da cidade.

A cultura galega e a súa difusión sempre foron prioridades para vostede, que non dubida en reclamar o cine como sector estratéxico. Neste sentido, que nos pode aportar María Solinha aos espectadores do rural galego?

Pois coñecer un pouco a nosa propia historia. Para que te fagas unha idea, en proxeccións, xa levamos 100 concellos pechados e ningún dos alcaldes e alcaldesas cos que falamos coñecía a historia de María Solinha. Temos que dar a coñecer ás nosas grandes mulleres, e o cine é unha boa oportunidade para facelo.

Eu creo que unha das cousas que logramos a través do guión, que nos levou 9 meses, foi unir a esa María Solinha do rural, que loita por ser libre no século XVII, cunha perspetiva da muller do século XXI.

María Solinha foi muller brava do rural galego, dunha aldea de Cangas que se chama Poio, á que acusan de ser bruxa e queiman. No filme, María Solinha non está soa. Tamén aparece Adela Malvido que é interpretada por Laura Míguez. Adela Malvido é outra María Solinha que tamén é perseguida e acusada pola Inquisición, igual que A Mangallona. As tres son mulleres sabias ás que queimaban por medo á competencia. Esas mulleres sabias, as tres, son da aldea de Poio, e forman parte do imaxinario do noso rural.

1 MARIA SOLINHA_ALTA_Laura Miguez, Ignacio Vilar, Grial Montes (FILEminimizer)Laura Míguez, Ignacio Vilar e Grial Montes, durante a rodaxe da película. | FOTO: Vía Láctea Filmes. 

E aos espectadores de calquera outro lugar?

A gran pantalla é un escaparate, non só para nós, para darlle valor ao que temos, senón tamén porque eu teño a sorte de que as miñas películas viaxan moito e, dalgunha forma, pode ser unha oportunidade para dar a coñecer tanto a historia de María Solinha como a desa Festa da Coca que, por certo, é unha das máis primitivas que hai en Europa.

Cando descubrín esta festa e fun vela, de seguido pensei: "Isto ten que ser retratado no cine". A Festa da Coca representa unha lenda que explica que, fai moitos séculos, existía un dragón que vivía nunha cova baixo a illa de San Simón, baixo as profundidades da Ría de Vigo. Unha vez ao ano, ese dragón achegábase ata o centro de Redondela (Pontevedra), secuestraba a mozas, levábaas á súa cova, violábaas e matábaas. Na festa, as Penlas, que son  mulleres de aproximadamente 40 anos, levan a nenas de 3 ou 4 anos amarradas con fíos que bailan que dá vértigo velas. No momento en que tiven o placer de presenciar esa escena, inspiroume a falar dese dragón que antes era unha besta, no século XVII se transforma en inquisidor, e no século XXI, xa sabemos en qué se transforma.

No momento en que tiven o placer de presenciar esa escena, inspiroume a falar dese dragón que antes era unha besta, no século XVII se transforma en inquisidor, e no século XXI, xa sabemos en qué se transforma.

Con este filme quero transmitir ese "a ver se nos unimos todos cos mariñeiros de Redondela, e matamos ese dragón que ameaza á nosa sociedade".

Como coñece a historia de María Solinha e por que decide representala?

Dende fai tres anos decateime de que as mulleres continúan recibindo agresións importantes en España, e aínda así, existen moitos xuíces que non son conscientes de que hai que perseguir ese delito tan bestial, esa violencia contra a muller. Eu fago cine, así que o que se me ocorreu foi aportar un grao de area para ver se logramos, entre todos, matar dunha vez a ese dragón: por iso se presenta en pantalla á María Solinha do século XVII e á María Solinha do século XXI.

Maria Solinha é un símbolo da loita contra a represión das mulleres, no pasado e no presente. Que mulleres cre que poden verse reflexadas na protagonista?

Eu penso que todas as mulleres, en xeral. Esta película vírona moitas mulleres de asociacións feministas antes de ser estreada. Fai algúns meses, fixemos un pase en Madrid e invitamos ás revistas especializadas de cine, pero tamén ás representantes de asociacións feministas e asociacións de mulleres en Madrid. Evidentemente, eu fago a película, pero antes de estreala non podo saber se as mulleres van a coincidir con esa visión que eu saco de María Solinha. Estas asociacións fixéronme algunhas críticas que gardo, nas que me comentaron que a mensaxe que se transmite no filme de María Solinha coincide coa que eu quería transmitir: a desa muller empoderada que loita contra a represión e contra o dragón.

Por onde pasa o éxito das producións galegas?

Os lectores de Diario do Támega seguro que lembran a "Chano" Piñeiro, director de Sempre Xonxa. Foi o noso referente, el abríu o camiño do éxito do cine galego, porque o cine galego só é aquel que se roda en galego. Por fin, os novos directores e directoras están rodando en galego. Esa é a clave: se queremos triunfar, non só en Galicia senón no mundo, ha de ser co noso. 

Que aprendeu Ignacio Vilar ao longo da súa carreira?

Por unha parte, o que aprendo é a contar a historia de maneira que emocione ao espectador; e se logro que saque algunha bágoa, mellor! (entre risas). Coa Esmorga creo que aprendín un pouco iso, a emocionar. Ca miña sétima película, esta de María Solinha, conseguín convertir ao espectador ou espectadora nun ser creativo, nun ser que vai ter que colaborar no proceso de contar a historia. 

Para rematar, algún consello para o espectador deste domingo pola noite?

Eu, o que recomendo en María Solinha é deixarse levar, perderse. Porque a película está feita para que o espectador ou espectadora se perda: e nesa pérdida, nese viaxe pola historia chegará un punto no que cada un e cada unha poida encontrarse.

Ignacio Vilar: "Temos que dar a coñecer ás nosas grandes mulleres, e o cine é unha boa...
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade