xoves 13/08/20
A deseñadora Olalla Diéguez, de Matamá (Laza), é a responsable de seu deseño, que se coñeceu hoxe

Un ovni abduce á Verín e aos seus edificios máis emblemáticos no cartel do V festival de curtas da vila

Olalla Diéguez, nada en 1980, natural de Matamá (Laza) e licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (1999-2004) é a autora do cartel que presentará a xa quinta edición do festival de curtas da vila de Verín que se adianta ao mes de setembro. 

Olalla Diéguez, co cartel anunciador da quinta edición do festival de curtas de Verín.
Olalla Diéguez, co cartel anunciador da quinta edición do festival de curtas de Verín.

A deseñadora Olalla Diéguez Boo é a autora do cartel ilustrador da quinta edición do FIC Vía XIV de Verín, que terá lugar na vila do Támega tres meses antes do que viña sendo habitual dende que se estreou a iniciativa: entre o 5 e o 13 de setembro deste 2020. A idea creativa arredor da que se asenta o cartel toma coma eixo temático a ciencia-ficción. Así, a autora presenta unha nave espacial que abduce algúns dos edificios máis representativos de Verín, perfectamente recoñecibles no deseño, coma metáfora do poder da sétima arte, que envolve a vila durante os días que dura o certame.

Segundo a autora do cartel ilustrador, “calquera deseño debe contar unha historia e calquera historia debe ter un protagonista”. Neste sentido, remarca que “eu tiña claro que quería dar protagonismo á vila de Verín”. É por iso que representou no cartel algúns dos edificios máis emblemáticos da localidade como é o caso da casa reitoral.

Normalidade nos preparativos

En canto á organización dos preparativos da quinta edición do certame, o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, destaca que “en principio, estanse a efectuar con relativa normalidade”. A Asociación Cultural Vía XIV traballa pensando que en setembro vai ser posible realizar o festival e, en todo caso, "calquera decisión final sobre a súa celebración nas datas inicialmente previstas quedaría supeditada a como evolucione a crise sanitaria provocada pola pandemia de coronavirus”.

Un ovni abduce á Verín e aos seus edificios máis emblemáticos no cartel do V festival...
comentarios