viernes. 19.04.2024
Este sábado, acto inaugural da quinta edición do certame de curtas máis seguro da súa historia

FIC... FAC..., FIC... FAC... Comeza a conta atrás da semana do cinema en Verín

A nave con toda a súa tripulación está a punto de aterrar ao pé do auditorio de Verín. Nela, todos os profesionais que farán posible a organización da quinta edición do certame internacional de curtas, e case 40 proxeccións a concurso das máis de 700 que recibiron
As medidas de seguridade serán estritas e os protocolos de desinfección entre cada sesión, exhaustivos

José Da Cruz e a súa inseparable máquina desinfectadora. | FOTO: Noelia Caseiro.
José Da Cruz e a súa inseparable máquina desinfectadora. | FOTO: Noelia Caseiro.

A quinta edición do Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín, que se prolongará na vila ata o vindeiro 13 de setembro, arrinca este sábado. Serán oito días nas que a maxia do cinema e un bo número de actividades paralelas relacionadas encherán de cor e vida o auditorio, espazo central no que se desenvolverá o certame.

Todo está xa previsto para que ás 20:00 horas teña lugar o acto de inauguración do certame, que poderá seguirse en directo non só no auditorio senón tamén vía streaming e pola pantalla que se vén de instalar na praza Maior da vila, dende a que se poderá presenciar algunas actividades paralelas e as principais xornadas do festival, entre elas a da gala de clausura. 

Actividades paralelas

Entre as actividades paralelas máis significativas destaca, por exemplo, a visita do actor Luis Zahera, recentemente premiado cun Goya ao Mellor Actor de Reparto por El Reino. Departirá co público o venres 11. Ao longo da semana sucederanse, ademais, actividades diversas e estreas como a dos documentais Entroidar e Hijas de Galicia, Macorinas.

WhatsApp Image 2020-09-04 at 11.45.37Camiños da Terra e Frei Chitín serán as primeiras actividades paralelas do luns 7 de setembro.

Xunto a isto, o humor de Frei Chitín non deixará a ninguén indiferente na tarde-noite do luns e a Banda de Gaitas Nova Era de Verín, presentada por Pepe Coira, porá este domingo música á curta O carro e o home. O Festival Convidado será o Play-Doc de Tui e tamén se poderá ver en Verín o documental realizado por tres mozos da vila que percorreron en autocaravana a distancia que separa a nosa Galicia da Galitza de Polonia e que leva por título Caminos de Tierra.

No plano concursal participan 39 curtas dunha vintena de nacionalidades, coidadosamente seleccionadas no marco das catro categorías habituais do FIC (Horizontes, A Raia, Nova e Outra Mirada). Moitos dos traballos que se poderán ver en Verín veñen xa de obter distincións en premios en foros de renome nacional e internacional. 

WhatsApp Image 2020-09-04 at 11.45.38Das 700 curtas que recibiron os membros da organización, 39 foron as seleccionadas para entrar no concurso.

Un exemplo disto constitúeo a curta Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, programada na sección oficial do FIC deste ano e que vén de obter a Biznaga de Prata Premio do Público no Festival de Málaga á mellor curtametraxe e mención especial do xurado na sección oficial de curtas de ficción. Tamén Carne, de Camila Kater, que poderá verse en Verín estes días, obtivo unha Biznaga de Prata á mellor curtametraxe documental.

Tamén poderán verse en Verín, dentro da categoría Outra Mirada, traballos documentais de autores locais tales como Feitizo ou Fachucos.

Protocolo anti-Covid

Dende a organización do FIC Vía XIV, porase en marcha ademais un protocolo con medidas preventivas fronte á Covid-19 de cara a esta edición do certame, que inclúe desinfección rigorosa de espazos tras cada actividade. Habilitaranse tamén dispensadores de xel hidroalcólico para que poidan ser empregados polos asistentes e o aforo de butacas garantirá o cumprimento da distancia social requirida. Axeitarase, neste sentido, o aforo do auditorio á distancia de seguridade e reduciranse localidades.

Xunto a isto, o acceso e desaloxo de espazos efectuarase de xeito progresivo e controlado polo persoal de acomodación do certame. Paralelamente, marcaranse diferentes zonas de acceso e saída para acudir a actividades evitando así a aglomeración de persoas e non se repartirán trípticos, folletos ou programas de man en formato físico.

FIC... FAC..., FIC... FAC... Comeza a conta atrás da semana do cinema en Verín