A novena edición do FIC Vía XIV comeza con éxito. Centos de persoas acudiron á xornada inaugural deste venres -logo da tamén exitosa apertura do festival na praza García Barbón o pasado xoves-, onde se proxectaron curtas das seccións oficiais A Raia e Horizontes.
As persoas asistentes puideron votar a súa curtametraxe favorita de cara ao premio do público, que se entregará na gala final o sábado 7 de setembro.
Ao final da xornada, o auditorio encheuse para acoller a estrea do documental oriXes: Dez anos de Nova Era, que fixo un percorrido pola década de vida da banda de gaitas que marcou un antes e un despois no panorama cultural da vila.
Trala proxección, houbo un coloquio con membros da formación, que se amosaron emocionados. Ademais, durante a charla anunciaron que dende este sábado 31 de agosto estará dispoñible na plataforma Spotify a banda sonora do documental.
Tamén anunciaron o concerto do décimo aniversario, que se realizará en Nadal. Unha xornada chea de sorpresas na que, dende a organización, se lle entregou un premio especial á banda. "O proxecto de Nova Era e o proxecto do FIC Vía XIV naceron paralelos no tempo, nun momento de cambio cultural. Os seus camiños foron fluctuando ao longo destes anos ata atoparnos hoxe aquí. Dende o festival recuperamos un dos premios da primeira edición do FIC Vía XIV para recordar que imos seguir moitos máis anos xuntos", declaran dende a directiva.
Sábado 31 de agosto no FIC Verín
Este sábado haberá unha chea de actividades. O día comeza ás 18:00h coa proxección da primeira curtametraxe de Xosé A. Touriñán ‘Nena’.
Ás 20:00h haberá unha cata con Begoña Vázquez e a Denominación de Orixe; ás 20:30h a gravación do podcast ‘As Bichas’ en directo.
Touriñán volverá ao escenario co seu monólogo ‘Aquí Tou’ ás 22:15 e, para pechar, haberá un concerto de Sophie Simonds.