xoves 04.06.2020
o día 21 de xuño estarán presentes o director e os actores do filme, na gala previa á proxección

A estrea mundial da película "María Solinha" terá lugar no novo autocine do parking do Concello de Verín

A estrea mundial do filme de firma galega "María Solinha" terá lugar o 21 de xuño en Verín, e dende un escenario moi particular: o novo autocine da vila. O seu director, Ignacio Vilar, e todo o equipo de actrices e actores da rodaxe estarán presentes na gala previa á proxección da película. 

Estacionamento disuasorio central da vila de Verín.
Estacionamento disuasorio central da vila de Verín.

Foi unha das iniciativas culturais do Concello de Verín, a de recuperar o cinema na vila, e non pretende que nin a alerta sanitaria acabe privando aos seus administrados de seguir disfrutando do sétimo arte. A concellaría de Cultura vén de anunciar que o estreo mundial do filme "María Solinha" terá lugar, na modalidade de autocine, no estacionamento disuasorio entre Luis Espada e Avenida de Portugal. 

Esta mesma mañá se fixo público o acordo entre o Concello de Verín e Vía Láctea Filmes para acoller a primeira exhibición en autocine da estrea da película “María Solinha”, de Ignacio Vilar, aproveitando a rede de parkings públicos que cambiaron a mobilidade urbana na vila do Támega nos últimos anos. A estrea universal en autocine do filme será o próximo 21 de xuño, nunha gala coa presenza dos artistas e director, no parking libre central de Verín.

Cartel de María Solinha

"O compromiso de Verín co cinema", sinalou o director do filme, Ignacio Vilar, "mantendo unha sala de exhibicións pública e os seus enormes espazos de aparcamento no centro nos fixeron pensar nesta vila como lugar óptimo para esta nova tendencia na exhibición cinematográfica: o autocine é o futuro", apuntou Vilar. 

Imos facer un experimento para ver se podemos atraer público para unha actividade permitida polos protocolos sanitarios, segura e que sirva para dinamizar con seguridade as actividades en Verín (Gerardo Seoane)

Nesa mesma liña se pronunciou o alcalde da vila, Gerardo Seoane, quen dixo que "xa que temos os espazos, estratexicamente situados, imos facer un experimento para ver si podemos atraer público para unha actividade permitida polos protocolos sanitarios, segura e que sirva para dinamizar con seguridade as actividades en Verín", sinalou o rexedor socialista. 

Conexión pola radio co son da película

O proxecto, desenvolto coa colaboración de Vía Láctea Filmes, "conta cos permisos de exhibición específicos e licenza de autocine, e coa correspondente frecuencia de FM na que cada vehículo, na súa propia radio, permitirá seguir a banda sonora con total calidade e aislados todos nos seus coches", explicou Seoane. O parking libre central de Verín conta cunha capacidade de ata 300 vehículos, e as prazas serán delimitadas para a ocasión. A proxección poderase seguir dende os vehículos, sen necesidade de contacto físico algún nin de baixarse dos coches.

Chamamento á implicación dos hostaleiros da vila

"Contactaremos cos hostaleiros para tentar de implicalos na iniciativa", asegurou a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, "de xeito que exploren a posibilidade de servir un menú autocine que se poda consumir nos coches, ou de montar algún tipo de apoio ao evento. Hai que ter en conta que, se o proxecto funciona, pensamos darlle continuidade ao longo do verán, para atraer a público de toda a provincia", anticipou Somoza.

Todo o elenco de actores, presente na estrea

Todos os actores e actrices de "María Solinha" acompañarán ao director, Ignacio Vilar, nesta estrea. Ás 22:00 horas comezará a gala no autocine, para pasar a continuación á exhibición da película.
O filme é a reconstrución da historia de María Solinha, acusa de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sufre, en pleno século XXI, inquietantes ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII.
O reparto está composto por Laura Míguez, Grial Montes, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Mela Casal, Alfonso Agra, Melania Cruz e Sheyla Fariña.

A estrea mundial da película "María Solinha" terá lugar no novo autocine do parking do...
comentarios