domingo 08.12.2019
O FIC Vía XIV arrancará coa proxección de "The distance between us and the sky", Palma de Ouro no Festival de Cannes 2019

Días de cinema e cultura en Verín

Xa non queda nada para o comezo da IV Edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV. Do 30 de novembro ó 8 de decembro Verín encherase de cine, música, conferencias, actividades para a cativada, obradoiros, homenaxes e moitos eventos máis. O Auditorio Municipal da vila e a Casa da Cultura de Verín serán os escenarios principais. 3, 2, 1... acción!

O Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV celebrase do 30 de novembro ó 8 de decembro en Verín.
O Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV celebrase do 30 de novembro ó 8 de decembro en Verín.

Un ano máis, a Asociación Vía XIV arranca o Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV. Será a cuarta edición dun evento que vai medrando exponencialmente. Do 30 de novembro ó 8 de decembro, Verín será o punto focal da cultura cinematográfica.

O sábado, día 30, Emilia Somoza, coordinadora do FIC Vía XIV, inaugurará o festival no Auditorio Municipal de Verín ás 20:00 horas. Con ela estarán catro dos directores que participarán este ano no festival. Pouco despois comezarán as proxeccións, que se inician coa curta The distance between us and the sky, Palma de Ouro no Festival de Cannes 2019.

Serán máis de 50 curtas procedentes de distintos países as que se poderán visionar dentro do certame, como sempre, en bloques temáticos que se corresponden coas categorías a concurso: Nova, A Raia, Outra Mirada e Horizontes. Pero o FIC Vía XIV conta con moitas máis actividades que a propia proxección de curtametraxes. Desenvolveranse ó longo do festival en distintos escenarios. Velaí vai un resumo de todas as programadas.

Concurso Escaparates de Cinema

Diversos establecementos da vila participan no concurso organizado por AEVER que premiará ós escaparates decorados con temáticas relacionadas co cinema. Dende hoxe xa se poderán ver nas rúas da vila. Asubío, barbería Carlos e xoiaría Pato na rúa Maior; Casa do Moble na rúa da Merced; a xoguetería Kuki na rúa LIsa; Noisness na avenida de Portugal e Flekos na Luis Espada.

Verín, do 28 de novembro ó 8 de decembro.

Cámara e Batuta

O verinés Edelmiro Mateo, responsable da Coral Polifónica da vila, será o guía dunha viaxe a través da relación entre a música e o cinema. Que sería das películas sen a súa banda sonora? A Agrupación Instrumental Infantil do Conservatorio de Verín, dirixida por Miguel Ángel Guerra, e a propioa Coral de Verín ofrecerán unha actuación no marco desta actividade.

Auditorio Municipal. Luns, 2 de decembro, ás 20:30 horas. 

Cinema marabillas

Raquel Queizás, contancontos verinesa, achegará a maxia do cinema ós cativos e cativas da bisbarra nunha actividade programada para os escolares dos centros educativos. Co obxectivo de unir o cine coa literatura infantil e xuvenil, e baixo o título "Ver para ler", programaranse algunhas das primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos e libros clásicos. Os protagonistas da actividade son personaxes ben coñecidas para todos, que teñen centrado algunhas das máis belas historias narradas no cine: Alicía no País das Marabillas, Peter Pan ou O Mago de Oz.

Auditorio de Verín. Os días 2, 3 e 4 de decembro a partir das 10:00 horas.

Entroidar, Work in progress

Avance do documental Entroidar, centrado no Entroido de Laza e que analiza as personaxes que o fan posible, os lugares nos que se fai e a propia celebración. O documental, que está en proceso de realización, realiza un seguimento de diferentes referentes desta celebración e afonda nas súas vidas e no que significa o Entroido para elas e eles. Peliqueiros, madames e maragatos permitirán ver a transformación das persoas que están detrás das personaxes. Logo da proxección haberá un debate e, como complemento á actividade, poderase ver unha exposición baixo o título "Descubrindo o Entroido de Laza".

Auditorio de Verín. Martes, 3 de decembro, ás 20:30 horas.

Festival convidado: RIR de Allariz

Nesta actividade paralela, exhibiranse as curtas premiadas na última edición do Festival Internacional de Curtas de Comedia RIR de Allariz, que tivo lugar no mes de setembro. Deste xeito, poderase ver en Verín o palmarés do RIR 2019 que inclúe as pezas: El jarrón, Rubén Tejerina, Una noche con Juan Diego Botto, de Teresa Bellón & César F. Calvillo, Inlove, de Les Frères López, Héroes, de Juan Pablo Zaramella, Beautiful day, de Fabrice Herbaurt e El graffiti, de Aurélien Laplace.

Auditorio Municipal. Mércores, 4 de decembro, ás 18:30 horas.

Casa da Cultura. Sábado, 7 de decembro, ás 11:30 horas.

Retrospectiva de cinema cubano actual

Actividade paralela que pretende afondar no cinema cubano actual a través da proxección de 8 curtametraxes realizadas en Cuba entre os anos 2015 e 2019. A selección de curtas foi realizada pola produtora e directora artística de orixe cubana, Claudia Expósito. É un claro exemplo da vocación social que ten o FIC Vía XIV e que posibilita conectar Verín con outras realidades e culturas a través do cinema. 

Auditorio Municipal. Mércores, 4 de decembro ás 20:30 horas.

Casa da Cultura. Venres, 6 de decembro, ás 12:30 horas. Sábado, 7 de decembro, ás 17:00 horas.

Concerto música cubana

Evento musical que combinará música electrónica cubana a cargo do coñecido DJ Joyvan Guevara Díaz e percusión por parte de Williams Richart Cardoso, tamén procedente de Cuba. O concerto completa a actividade paralela do festival dedicada á retrospectiva do cinema cubano actual. 

Pavillón deportivo de Verín. Xoves, 5 de decembro, ás 23:30 horas.

As dúas caras do Sahara Occidental

Actividade que ten como misión amosar, dende a cinematografía, unha realidade en conflito: a vida dentro e fóra dos campos de refuxiados no Sahara Occidental. No marco do seu compromiso por divulgar cinematografías diversas e diferentes realidades do mundo, propoñendo unha visión colectiva de zonas en conflito dende diferentes puntos de vista, a pretensión do Festival de Curtas de Verín é erixirse coma espazo de diálogo e punto de encontro a través do cine. A actividade divídese en dúas sesións. Na primeira exhibirase a longametraxe Hamada, de Eloy Domínguez, presentada polo propio director e cun coloquio posterior ao visionado. Na segunda das sesións amosaranse as curtas: L´Aarifa, de Mohamed Salem Lansari, Braham Chagaf e Digya Mohamed-Salm, e Tres cámaras roubadas, un proxecto colectivo de Equipe Media.

Auditorio Municipal. Xoves, 5 de decembro, ás 20:30 horas. Venres, 6 de decembro, ás 18:30 horas.

Homenaxe a Mabel Rivera

Gañadora dun Premio Goya por Mar Adentro no ano 2005, Mabel Rivera é un dos rostros máis coñecidos polos telespectadores galegos pola súa participación na serie Pratos Combinados que emitira a TVG. A súa traxectoria artística inclúe teatro, cinema, dobraxe e televisión, sendo unha das actrices máis salientables das artes escénicas galegas. Diste xeito, o FIC Vía XIV réndelle homenaxe cunha actividade que inclúe o visionado dalgunhas das curtametraxes máis representativas da súa carreira e un coloquio no que participará a propia Rivera.

Auditorio Municipal. Venres, 6 de decembro ás 20:30 horas.

Días de cinema e cultura en Verín
comentarios