
O Concello da Mezquita acolleu, ista fin de semana, a andaina "Coñecendo A Mezquita, capital dos tres reinos" cun éxito total de asistentes que completaron as prazas dispoñibles para unha acitvidade que deu a coñecer as riquezas patrimoniais e paisaxísticas deste concello da raia. Máis de 50 persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia gozaron dun roteiro que incluiu a degustación da gastronomía tradicional destas terras de montaña.

Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia. Ese é o principal obxectivo de Rutas de historia, un proxecto patrimonial impulsado por historiadegalicia.gal, o portal divulgativo sobre o mundo da Historia e do Patrimonio de Galicia. Cunha lonxitude total de 14 km, o roteiro foi guiado polo alcalde da Mezquita, Rafael Pérez.

O roteiro percorría un tramo da Vía da Plata para coñecer unha terra de paso de peregrinos, pero, tamén, de segadores e de arrieros, tratantes e viaxeiros. Dende Cádavos colleuse a riuta da pana, pasando polo Penedo dos tres reinos e a "Moimenta, parque natural de Montesinho", xa en territorio portugués, onde coñeceron o museo do contrabando, a igrexa, a forxa e os muíños tradicionais. Tamén o Alto da Canda, linde natural de Galicia, Castela e León e Portugal.

Na Vilavella, visitaron a igrexa dedicada santa María da Cabeza e, no descenso ó Pereiro, a ponte sobre o arroio da Veiga do Pontón. Un percorrido cargado de encanto que debuxa a grandiosidade da riqueza paisaxística e patrimonial das terras da Mezquita, pasando por vellos camiños empedrados, acubillados por centenarios valados ou muros de pedra, exemplos de que esta é unha zona de grandes canteiros que expresaron a súa arte na arquitectura popular e relixiosa.