viernes. 19.04.2024
Dos 1,2 millóns aprobados inicialmente, a partida de maior gasto volve a ser a de persoal, dotada con 522.000 euros

A Mezquita aproba un orzamento cun importante esforzo inversor no 2021, case 400.000 euros

As invesións reais do Concello da Mezquita poderían achegarse aos 400.000 euros no vindeiro 2021, ano no que comezan os traballos de substitución do alumeado público no municipio e que están subvencionados polo IDAE, o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía. 

O Concello da Mezquita continúa poñendo en valor o Castelo de Santigoso.
O Concello da Mezquita seguirá, no 2021, executando traballo de posta en valor do Castelo de Santigoso.

O Concello da Mezquita vén de aprobar, de xeito inicial, os seus orzamentos para o vindeiro 2021, que se achegan aos 1,2 millóns de euros. Unha vez máis, o municipio que preside Rafael Pérez realizará un importante esforzo inversor, 238.000 euros, que poderá incluso verse incrementando nuns 100.000 euros no máis no vindeiro cando se comecen a executar os plans de modificación de alumeado en varios dos núcleos do concello, entre eles, a capitalidade, Manzalvos, Pereiro e Chaguazoso, logo de que o IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro de Energía) do Estado español comprometera xa máis de 400.000 euros en subvencións directas para a execución do cambio das luminarias por outras de maior eficiencia que lle permitirán á institución municipal reducir considerablemente a factura do consumo eléctrico. 

En total, o Concello da Mezquita, podería chegar a investir no 2021 case 400.000 euros, engadidos unha terceira parte da cantidade xa comprometida do plan de substitución do alumeado.

Máis de medio millón en gastos de persoal

Unha das partidas que, ano tras ano, consumirá grande parte do orzamento volve a ser a de persoal, que acumula as retribucións non só dos funcionarios públicos da institución, senón tamén a do resto de persoal contratado para os diversos servizos, como o da axuda no fogar, que segue a incrementarse coa incorporación de novos beneficiarios e o incremento da bolsa de horas da prestación, na que o Concello achega un 30 por cento do custe total. Así, ao persoal adicaranse no 2021 uns 522.000 euros, supondo un 43,8 % do orzamento xeral do municipio

En gastos de bens correntes e servizos, é dicir, os gastos de funcionamento de toda a institución municipal no que se inclúen dende o consumo de material informático ata o pago da factura do alumeado público, o Concello da Mezquita orzamentou para o 2021 385.000 euros, un 32% do total

326.000 euros de impostos e taxas

O Concello da Mezquita recibirá, como a maioría dos municipios do rural, a maioría dos fondos para gastos e inversións do resto de administracións públicas. Dous de cada tres euros do presuposto chegarán vía transferencias correntes (643.000 euros) ou de capital, aquelas específicas para determinadas obras ou servizos froito de convenios (210.000 euros). Os habitantes do concello achegarán o resto dos ingresos mediante o abono de impostos directos (168.000 euros) ou taxas públicas (158.000), o que supón case un 28 por cento dos ingresos totais do municipio. 

Máis de 100.000 euros menos da débeda histórica en tres anos

Rafael Pérez, o alcalde nacionalista, asegurou que os orzamentos aprobados perseguen dar resposta ás principais necesidades que "pode ter un concello coma o noso, eminentemente rural. Por unha banda, manter e incrementar os servizos públicos, sobre todo no que se refire ás prestacións sociais polo envellecemento poboacional. Todo iso, -engadiu-, sen desbotar a inversión que non deixa de ser motor de creación de riqueza nuns momentos tan complicados coma os que se viven e os que aínda están por vir", declarou. "Conseguimos facer malabares para dar resposta a todas as necesidades baixando a débeda que arrastra este concello de corporacións anteriores en máis de 100.000 euros en tres anos", finalizou. 

A Mezquita aproba un orzamento cun importante esforzo inversor no 2021, case 400.000 euros