sábado 14.12.2019

Que bonitas son as verbenas!

Non deixa de ser pasmoso a forma na que conviven en Galicia tantos e diversos tipos de agrupacións adicadas, en definitiva, ao mundo do espectáculo. Grupos de música e baile tradicional, charangas, dúos, tríos, grupos, orquestras e discomóbiles son as estrelas dun cosmos tan peculiar como é o noso. Nesta estrea editorial apetecíame moito falar de verbenas.

Verbena en galego defínese como: Baile popular ao aire libre, que xeralmente ten lugar de noite..

Temos que recurrir a unha das definicións do castelán que nos indica que verbena tamén se lle chama a un tipo de flor perenne procedente do Leste de Europa. Que en sitios como Madrid se puña a modo ornamental na roupa as tardes de baile.

En Galicia estímase que se celebran da orde de 3.000 verbenas ao ano, sen contabilizar as festas de tarde, sesións vermouth, etc.. Calcúlase que entre orquestas e grupos roldan a estrepitosa cifra de 400 agrupacións. E o certo é que se menospreza, na maioría dos casos, as repercusións tanto a nivel económico como social que ten a verbena galega. Por iso fagamos unha pequena vista dende arriba.

En Galicia estímase que se celebran da orde de 3.000 verbenas ao ano, sen contabilizar as festas de tarde, sesións vermouth, etc.. Calcúlase que entre orquestas e grupos roldan a estrepitosa cifra de 400 agrupacións

No panorama musical actual, onde a tendencia é concentrar concertos de artistas consagrados, e non tanto, ao redor dos carteis dos festivais do verán, onde poucos artistas promoven un concerto propio (o número de producións fóra de festivais cae ano tras ano); non deixa de ser interesante ver a cantidade de público que acude as verbenas. Especialmente xente nova que é seguidora das orquestras, grupos e discomóbiles e nalgún caso chegan a desprazarse moitos kilómetros para desfrutar deste tipo de festas. Cantantes de orquestas con tantos seguidores en redes sociais como artistas de primeira liña. Montaxes, escenarios e equipos que algún artista de primeiro nivel soñaría con ter. Basta en fixarse nas orquestras máis grandes. Por citar un caso: Panorama e París de Noia pasean, abren e encartan un escenario que rolda os 2,5 millóns de euros entre estrutura, iluminación e son. Obviamente non todas as agrupacións están nesas cifras, pero son cifras igualmente espeluznantes dado que hai producións de artistas internacionais que non se achegan, nin de lonxe, a esas cantidades.

Panorama e París de Noia pasean, abren e encartan un escenario que rolda os 2,5 millóns de euros entre estrutura, iluminación e son

O impacto sobre o emprego é outro factor que non é baladí. Nunha verbena conflúen chóferes, montadores, técnicos, músicos, camareros, atraccións, churreiras, taxis, electricistas de grupos electróxenos, postos de venda ambulante... Un sinfín de persoas viven directa e indirectamente da verbena e pouco se valora este aspecto polo xeral. Na maior parte dos casos é un traballo estacional e extremadamente duro tanto pola orografía de Galicia, a nocturnidade, e por pasar días sen pisar a casa.

A nivel social gustaríame facer un par de apuntes sobre a importancia que teñen estes eventos. Se ben é certo que veñen tradicionalmente das romarías (auspiciadas pola igrexa), a evolución é un reflexo do paso do tempo por este país. Comentábame nunha verbena un dos excantantes da mítica orquesta ''Los Arquinos'', que antes tocaban encima dun remolque de tractor, ou dous. Cun altavoz para a voz colgado dun balcón ou dunha árbore facías a tarde, ceabas nas casas da xente, volvías... e ao día seguinte a outro sitio por camiños de terra e estradas comarcais infames. Hoxe levan estruturas de 15 metros de alto e 30 de ancho, tráiler e uns equipos de son último modelo.

Un bo amigo e mellor profesional que leva a representación dunha marca de altavoces profesional a nivel internacional en Madrid comentábame que se do modelo de mesa, altavoz... de gama alta que se presentaba este ano como a última novidade se vendían 10 en toda España, 6 deses ían para Galicia. 

A verbena e os elementos que a compoñen son, na miña opinión, un ben de interese cultural dado o carácter propio que ten. Non é só un xeito de divertirse, é o noso xeito de divertirnos. Un modelo que obviamente se pode mellorar pero que se reiventa ano tras ano

Pois parece que somos referente no mundo de espectáculo. Non é de estrañar. O nivel, coma case sempre, recoñécese máis fora ca dentro. Os profesionais da verbena rífannos produtoras a nivel internacional por capacidade e adaptabilidade. A verbena e os elementos que a compoñen son, na miña opinión, un ben de interese cultural dado o carácter propio que ten. Non é só un xeito de divertirse, é o noso xeito de divertirnos. Un modelo que obviamente se pode mellorar pero que se reiventa ano tras ano. Un fenómeno cultural que fixo, por exemplo, que en Galicia bailar unha cumbia o un merengue sexa o máis normal do mundo, porque fomos, e somos, emigrantes. E aló por onde imos, deixamos pegada, pero tamén traemos algo. A verbena é para ir, bailar, desfrutar e que o campo da festa se encha do orgullo de dicir que, pese a todo, seguimos facendo festas coma ninguén. Que bonitas son as verbenas!

 

Que bonitas son as verbenas!
comentarios