miércoles. 08.05.2024
Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós, con Baltar y Feijóo, en la inauguración del albergue de A Gudiña. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós, con Baltar e Feijóo, na inauguración do albergue da Gudiña. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O voceiro do PSdeG no Concello de Vilardevós, Julio Prada, vén de facer público un comunicado no que acusa directamente ao rexedor municipal dunha "clara vinganza contra un traballador ao que lle recoñeceron os seus dereitos nun xulgado e que posteriormente foi despedido, aínda a costa de que o Concello quedase sin un servizo tan necesario como é o de desbroce agora que comeza a haber risco de lumes". Prada Hohenstein afirmou que ese é un comportamento propio dun "gánster" ao tomar "represalias" e despedir de xeito "improcedente" a un traballador municipal, logo de que este reclamase por vía xudicial que se lle recoñecesen os méritos nun concurso público de acceso a unha praza de chofer para o tractor-desbrozadora municipal. Os socialistas critican que dende o despedimento deste traballador, o tractor atópase totalmente parado, sen dar servizo á veciñanza e sen realizar as labores de limpeza e desbroce de montes, sendas, camiños e estradas.

O tractor municipal.
O tractor municipal.

 

Segundo relata o voceiro da oposición, Julio Prada, "este traballador gañou en abril de 2018 un concurso público municipal e fíxose coa praza de chofer para o tractor-desbrozadora cun contrato temporal dun ano, con outro prorrogable. En 2019, o Concello prolongoulle o contrato e en maio-xuño de 2020 cesou e abriuse un novo concurso no mes de xuño, ao que o traballador se presentou. Ese concurso foi directamente amañado polo rexedor, despreciando os méritos contraídos polo traballador e dándolle a praza a outra persoa, á que se lle concedeu maior nota", sinala Prada Hohenstein.

"Resulta curioso -continúa o voceiro socialista- que nese concurso, ademais de non contarlle os méritos a este traballador, se lle puxo na parte práctica unha nota de 5,5, facendo apreciación de que precisaba maior soltura e de que estaba falto de capacitación para o posto, cando levaba dous anos traballando como chofer do tractor”, explica Julio Prada. "A isto, sumouse que a outra persoa que se presentou sacou a maior nota na parte práctica, cun 9, cando non realizou ningunha tarefa cun tractor na súa vida profesional".

 

 

A xustiza deulle a razón ao traballador

Ante esta situación, o traballador ao que non se lle recoñeceron os méritos decidiu presentar un recurso de alzada no Concello o 26 de xuño de 2020, alegando o "incumprimento" das bases no baremo de méritos con respecto da experiencia profesional e formación regulada, onde se lle asignaba só un 4,20, "cando cos documentos presentados de experiencia laboral, a nota tiña que ser moito maior, pero o alcalde decidiu non recoñecerlle, nin valorarlle estes méritos, supoñemos que con intereses espurios", recalca Prada Hohenstein

Posteriormente, o traballador decide presentar denuncia vía xudicial e o xulgado contencioso administrativo nº. 2 de Ourense, en sentenza do 9 de abril de 2021, falla a favor do traballador acordando que se lle recoñeza unha puntuación de 7,45 puntos na fase do concurso, co que sumado aos puntos xa sumados e recoñecidos, pase a ter unha puntuación final de 16,75, e deste xeito a máxima nota. A xustiza tamén determina, que o ter a máxima nota, debe ser contratado e que se lle abonen os salarios deixados de percibir, coas retencións correspondentes, ata que se resolva a contratación.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein, subliña que "a mala fe do rexedor, non só prexudicou a este traballador e veciño do municipio, senón que tamén lle supuxo ao Concello unha perda de cartos considerable, tanto polas costas xudiciais, como polo abono dos salarios con carácter retroactivo". O edil socialista, tamén destaca que a xustiza "probou que non se lle recoñecerán os méritos pertinentes, polo que temos claro que o alcalde amañou o concurso co obxectivo de privalo da praza".

Readmitido, cesado, e novo xuízo

O traballador, readmitido novamente como chofer do tractor municipal, foi cesado en xullo de 2021 e decidiu entón acudir á xustiza, ao entender que o seu despedimento era improcedente. O xulgado do social nº. 4 de Ourense declarou a "improcedencia" do despedimento e condenou ao Concello a abonar ao traballador, en concepto de indemnización, descontada da xa percibida, 3.888,45 euros. "O lóxico sería que se volvese a readmitir o traballador, en lugar de indemnizalo, para que seguise desempeñando as súas funcións”.

O PSdeG - PSOE de Vilardevós denuncia ademais que dende o "despedimento improcedente" do traballador en xullo de 2021, "o tractor está totalmente parado, xa que non hai ningún traballador para poder empregalo e a pesar da necesidade urxente de polo en funcionamento e ao servizo da veciñanza". E ofrece a solución: "En vez do despedimento do traballador, non tería sido mellor convocar as bases para un novo concurso que dera cobertura a esta praza tan necesaria para o noso municipio?".

"Eu non son o tribunal, o tribunal é o que puntúa", di o rexedor

Manuel Cardoso lamentou a polémica "interesada que vén de encender o voceiro socialista, mintindo. Aquí non houbo trato de favor ningún pola miña parte, porque este alcalde non participa dos procesos selectivos, para iso se nomea un tribunal que é o que senta as bases e controla a selección, eu só fago ratificar o que o tribunal na súa acta de puntuación propón, nada máis", di Cardoso. "Os procesos dos que se fala alegremente contaron con respaldo sindical pleno, con participación de técnicos independentes e con cumprimento dos procedementos administrativos. O alcalde non pudo facer nada do que lle acusa o PSdeG -  PSOE, porque non forma parte do tribunal", recalca o popular. 

O rexedor de Vilardevós tamén explica o despedimento do traballador, xustificándose en que "nós non imos permitir que ningún traballador chegue a ser indefinido neste Concello por encadear contratos de traballo. A este Concello chégase a traballar xustificando méritos e capacidade, todos están en igualdade de poder optar a un posto, pero non imos hipotecar o cadro de persoal con contratacións indefinidas por estar encadeando contratos temporais. Aquí, os traballadores deste Concello que queiran unha praza fixa saben que a única fórmula é a da oposición", explica Cardoso Pérez.  



Manuel Cardoso tamén recoñece que "o tractor atópase temporalmente parado, pero é sabido que a recente Lei 20/2021 que establece a obriga en toda España de contratar con carácter indefinido aos traballadores tanto por empresas como por administracións, esixe a elaboración e aprobación de novas bases e procesos adaptados que aseguren o acceso aos postos públicos con plenas garantías para todos os aspirantes. Cousa na que este grupo de Goberno está a traballar", di o alcalde. 

E vai máis alá anunciando accións xudiciais contra o voceiro socialista, porque "creo que as calificacións vertidas á miña persoa por parte do  portavoz do PSOE en Villardevós, poden ser constitutivas dun delito de inxurias ou calumnias, polo que en caso de que o voceiro non rectifique poreino en mans dun avogado para tomar as medidas legais oportunas. No Concello de Vilardevós, os procesos de selección de persoal realízanse por técnicos independentes, asumindo o Sr. alcalde as decisións dos mesmos. E cando un aspirante recurre xudicialmente, novamente o alcalde asume as sentenzas que se ditan, garantizando sempre os dereitos dos traballadores afectados e os intereses dos veciños e do Concello de Vilardevós", remata Cardoso Pérez. 

Julio Prada: "O alcalde de Vilardevós actuou coma un gánster vingándose dun traballador...