miércoles. 09.10.2024
Boteiros de Vilariño de Conso, na edición de 2022 de ViBoMask. | FOTO: Iván Iglesias.
Boteiros de Vilariño de Conso, na edición de 2022 de ViBoMask. | FOTO: Iván Iglesias.

Hoxe comeza a VIII edición do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica, que se desenvolverá ao longo da fin de semana entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Neste ano, onde as restricións da pandemia xa son cousa do pasado, este evento cultural reunirá a máis de 40 entroidos de España e Portugal para desfilar polas rúas das dúas localidades, en Viana será mañá a partir das 16:45 Horas, e en Vilariño, o domingo ás 11:45 horas.

A provincia de Ourense, como non podía ser doutro xeito, é a que máis representación terá en ViBoMask. Polas rúas poderanse ver aos boterios de Viana e Vilariño, acompañados dos fulións, pero tamén estarán os seus veciños coas mázcaras de Buxán ou o toro e xigante de Celavente (O Bolo) e as mázcaras de Manzaneda. O Entroido de Laza e o de Barcia (Melón) amosarán as súas tradicións, ao igual que o boi, charrelo, morte e zamarreiro da Veiga. Os galos de San Pedro da Mezquita repetirán unha vez máis a súa presenza en ViBoMask.

 

A comarca de Verín, ademais de estar representada polo Entroido de Laza, contará cos cigarróns verineses, os vellaróns de Riós, as mázcaras da Xironda (Cualedro) e os peliqueros, parrafón e a vaca da festa de Campobecerros (Castrelo do Val). Dende A Limia chegarán as pantallas de Xinzo e da Baixa Limia, os troteiros de Bande, as madamitas de Entrimo e os follateiros de Lobios. Xa dende outras partes da provincia, estarán os felos de Maceda e os de Esgos, estes últimos acompañados polas madamas. Tamén participarán as bonitas de Sande (Cartelle) ou os farrumecos de Sobradelo (Xunqueira de Ambía).

Fóra de Ourense, en representación da provincia de Pontevedra desfilarán as madamas e galáns de Cobres (Vilaboa), os merdeiros de Vigo e o rancho e cabaleiros do Entroido da Feira de Salceda de Caselas. Por Coruña, estará o Entroido de Samede (San Mamede, Paderne) e os Xenerais da Ulla (concellos da comarca da Ulla). Dende Lugo chegará o Entroido de Ribeirao (Santiago de Arriba, Chantada) e o oso, madamas e danzantes de Salcedo (Pobra do Brollón).

 

As tradición de fóra de Galicia tamén terán un oco neste evento. Os sidros e comedies de Valdesoto chegarán dende Asturias, mentre que La Vijanera de Silió faino dende Cantabria. Castela e León amosarán bastantes máscaras como as do antruejo de Carrizo de la Ribera (León), o atenazador de San Vicente de la Cabeza (Zamora), as talanqueiras e visparros de San Martín de Castañeda (Zamora), os touros e guirrios de Velilla de la Reina (León) e os zarramaches e pastores de Casavieja (Ávila). Polo País Vasco participará o Carnaval de Abanto (Bizkaia) e o joaldunak de Ortuella (Bizkaia). Por último, Castela-A Mancha levará ata ViBoMask os demos e mascaritas de Luzón (Guadalaxara).

A participación internacional dos veciños portugueses serán os caretos de Arcas (Macedo de Cavaleiros) e os de Parada (Parada de Infançoes) ambos de Bragança, e os caretos de Lazarim (Lamego, Viseu).

AQUÍ A PROGRAMACIÓN COMPLETA:

Programación do VIII Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica.
Programación do VIII Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica.

NOTICIAS VIANA | De Viseu a Coruña ou de Pontevedra a Guadalaxara: ViBoMask une aos...