miércoles. 09.10.2024
Jorge Domínguez, Andrés Montesinos, Rosendo Fernández, Melisa Macía e Emma González, na presentación do festival ViBoMask.
Jorge Domínguez, Andrés Montesinos, Rosendo Fernández, Melisa Macía e Emma González, na presentación do festival ViBoMask.

O festival ViBoMask acadará esta fin de semana a súa VIII edición, na que continuará enxalzando a tradición e a historia etnográfica dos territorios que se dan cita nesta concentración cultural a través das súas máscaras de entroido. O evento celebrarase dende este venres ao domingo 19 nos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cun variado programa no que se inclúen charlas, actuacións e exposicións que pretenden achegar á sociedade o valor cultural das tradicións.

O ViBoMask presentouse este martes no Pazo Provincial, nun acto que contou coa participación do vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; dos alcaldes implicados na organización deste festival, Andrés Montesinos, de Viana, e Melisa Macía, de Vilariño; do presidente da Asociación Robreda, Jorge Domínguez; e da xerente do Inorde, Emma González.

A Deputación, a través do Inorde, colabora neste evento no que ten lugar a maior concentración de mascaradas de toda a Península, onde recrean unhas condicións espazo-temporais similares ás de orixe da maioría das tradicións participantes. Fernández felicitou á organización polo crecemento gradual que foi experimentando ViBoMask, que pasou de ter 16 participantes a estar preto do medio cento neste 2023, e por lograr a proxeccións "das verdadeiras raíces da tradición dos nosos pobos e das súas sinais de identidade, logrando converterse nun referente a nivel internacional", engadiu.

Ademais, dende ViBoMask avogan por elaborar unha candidatura conxunta das mascaradas da Península para entrar na lista de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO, iniciativa que xa conta co compromiso de apoio por parte do presidente da Deputación, Manuel Baltar.

 

O presidente da Asociación Robreda aproveitou a presentación para agradecer ao Inorde a súa colaboración con ViBoMask, porque "ter o apoio económico das institucións fai posible sacalo adiante e permitiu que crecera tanto nos últimos anos". Domínguez falou da programación desta edición e sinalou que "está feita co sentimento e en confraternidade cos diferentes grupos participantes".

Os grupos participantes nesta edición de ViBoMask proceden de diversos puntos da xeografía ourensá, pero tamén da Coruña, Lugo, Pontevedra, Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela A Mancha, País Vasco e de Portugal. As actividades comezarán o venres en Viana, pero os pratos fortes terán lugar o sábado, na mesma localidade, co desfile ás 16:45 horas; e o domingo será en Vilariño a partir das 11:45 horas.

Tanto o 18 como o 19, haberá un ViBoMarket no que se poderán mercar produtos tradicionais e artesanais. O sábado pola noite, a programación da xornada rematará co ViBoMusic no que actuarán tres grupos na Praza Maior de viana ás 23:00 horas.

NOTICIAS VIANA | As tradicións entroideiras da Península únense no festival ViBoMask