venres 23/10/20
Carme Zarraquiños Feijóo, de 78 anos, levaba máis de catro décadas detrás da barra da súa fonda

Marchache por non ver ao Helvético pechado... verdade?

Facían parella na vida real e tamén na de detrás da barra. Inseparables ata este sábado. Carme, con 78 anos, deixa a Perfecto só pondo viños no bar que foi a súa vida nos últimos máis de corenta anos

Perfecto Feijóo e Carme Zarraquiños, falecida esta mañá, propietarios do bar Helvético.
Perfecto Feijóo e Carme Zarraquiños, falecida esta mañá, propietarios do bar Helvético.

Non, Carme, non. Non foi esa enfermidade que viñas arrastrando dende xa hai máis dun ano e que nada tivo que ver coa que arestora está en todos os titulares, a que fixo que te separaras de nós. A ti, querida Carme, o que máis che doeu, ata chegar a querer marchar, foi ver ao Helvético pechado.

Fíxeronche pechar as portas da túa casa, que as convertías na de todos entrasen á hora que entrasen, e non quixeche velo moito más de 15 días así. Por iso marchache, porque contigo non ía aquelo de descansar ou de dicirlle a un dos teus clientes que a cociña estaba pechada. Estaríao, pero abría para quen lle fixera falta. Non entendías outra vida que non fose a do Helvético. Nel almorzabas, xantabas, ceabas e mesmo non perdías o Luar ata altas horas da noite dos venres, era o teu salón e nel podía entrar quen quixera.

Ben é certo que lle collías cariño a uns máis ca outros, por iso -falo por min- había quen entraba a secas e saía mantido pagando un só viño. Tiñas comigo un trato un chisco máis especial, quizás porque vías en min o afecto que dende moi cativo sempre lle tiven á túa filla Olga, esa muller que mantiña ata esta mañá de sábado intacto ese corazón que ti lle fabricache e que tanto se parece ao teu.

Tranquila, Carme, quixeche descansar do xeito menos indicado para todos nós, pero poderalo facer sen medo, coa satisfacción de saber que os teus 78 anos de vida deron para que traballaras moito pero tamén para reunir ao teu carón unha familia da que te podes sentir moi orgullosa.

E, non te preocupes, o Helvético volverá a abrir, porque como Verín, él tampouco se pecha!!!! O día que abra, estarei alí dos primeiros, pedirei un tinto -non quererei tortilla-, levantarei a copa, mirarei ó Perfecto e, logo, ó ceo. 

(Carme Zarraquiños Feijóo foi soterrada este sábado 28 de marzo de 2020 na súa localidade natal, A Caridade -Monterrei-, na máis estrita intimidade e cumprindo as esixencias das autoridades sanitarias, polo que non se puido recibir dó). 

Marchache por non ver ao Helvético pechado... verdade?
comentarios