viernes. 26.04.2024
En Femuro ultiman detalles para a celebración do se Foro da Igualdade esta fin de semana.
En Femuro ultiman detalles para a celebración do se Foro da Igualdade esta fin de semana.

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense Femuro organiza esta fin de semana o XVIII Foro da Igualdade, nesta ocasión, coa premisa de romper co teito de cristal. "Esta idea xurdiu a través dos contactos con varias persoas que nos fixeron ver a realidade dunha sociedade que amosa a súa existencia. Hai moitas trabas que nos impiden romper con el", explica Yolanda Arias, unha das coordinadoras deste foro.

A escasa presenza de mulleres nos ámbitos da política e a ciencia ou en altos cargos empresariais, serán temas que se traten os días 2 e 3 de xullo neste Foro da Igualdade no Auditorio de Verín. As testemuñas de diferentes profesionais serán o exemplo das dificultades que aínda hoxe sofren as mulleres no mundo laboral. "O teito de cristal non existe porque non queiramos acceder a determinados ámbitos ou non estemos suficientemente preparadas. Haino polo sistema patriarcal, os machismos e os roles estereotipados que nos impiden desenvolvernos nesas áreas laborais", destaca Arias.

As xornadas comezarán o sábado, tras unha presentación a cargo de Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, cunha introducción do foro no que se explicará o concepto de teito de cristal. Para facelo contarase cun dúas mulleres que forman parte de Executivas Galicia, quenes "darán as razóns da súa existencia".

Durante a primeira mañá contarase cunha mesa de debate sobre o ámbito político, coa representación dos tres principais partidos políticos de Galicia. López Abella estará acompañada de Noa Presas, responsable da área de Acción Feminista do BNG e deputada no Parlamento de Galicia; e de Laura Seara, exsecretaria de Estado co PSOE.

O teito de cristal existe polo sistema patriarcal, os machismos e os roles estereotipados que nos impiden acceder a determinados ámbitos" (Yolanda Arias, coordinadora do Foro da Igualdade)

Antes do descanso para a comida, o tema a tratar será a figura da muller na ciencia. "É indudable que neste eido existe un gran teito e por iso contaremos con dúas mulleres de longa traxectoria", engade Arias. Esas figuras son Elena Vázquez, coordinadora do ESTALMAT; e da profesora, inventora e investigadora Inés Santé. "Queremos que todas estas mulleres nos conten como é o teito de cristal nos seus sectores, pero tamén que nos falen das súas experiencias persoais con el", recalca a coordinadora do foro.

Pola tarde tratarase o tema do asociacionismo das mulleres, onde estarán representadas Femuro, Femupo e Mulleres en Igualdade de Lugo, que "reivindicarán o seu papel no rural". En paralelo, haberá actividades destinadas para os máis cativos sobre o fomento das ciencias para todos eles independentemente do seu xénero. O día rematará coa actuación de As Travesas de A Mezquita.

O domingo, só en xornada de mañá, tocará debate sobre a muller no deporte. Lidia Crespo, árbitra da segunda división de fútbol sala; e Ainhoa García, subcampioa europea de taekwondo, contarán as dificultades nestes sectores, especialmente no caso da primera onde a presenza feminina é case invisible.

Para rematar, contarase con dous relatorios titulados "Falamos con...". No primeiro estarán presentes Inés Rodríguez, propietaria de Rir&Co; e Carmen Lence, conselleira delegada e CEO de Grupo Lence (Leche Río S. A.). Ámbalas dúas son exemplo da presenza de mulleres en actividades ligadas ao mundo agrario. O último estará a cargo da peliqueira Noa Sobrino, que busca dar outra perspectiva a estas figuras tradicionais vencelladas a homes.

A última intervención será con Luz Doporto, deputada provincial de Igualdade, quen dará paso a actuación de Carmen Penin para rematar o XVIII Foro da Igualdade. 

Cartel do XVIII Foro da Igualdade.
Cartel do XVIII Foro da Igualdade.

NOTICIAS VERÍN | O XVIII Foro da Igualdade quere romper o teito de cristal