domingo. 19.07.2026
Dez colectivos exhibirán os seus Maios na Alameda mentres a praza García Barbón acollerá a Feira Solidaria de Verín

NOTICIAS VERÍN | A vila florecerá cuns Maios cargados de espírito solidario

maios verin 2024-89
O pasado ano a choiva freou a asistencia de público á tradicional exhibición de figuras. | FOTO: Anabel G. Simón.

O primeiro de maio Verín volverá a vestirse de primavera coa celebración da emblemática Festa dos Maios na praza da Alameda. Unha tradición que se mantén viva desde os anos oitenta e que este ano contará coa participación activa de dez centros educativos e asociacións do municipio. Mesma xornada na que a praza García Barbón acollerá a Feira Solidaria de Verín na que diversas entidades sen ánimo de lucro ofrecerán os seus produtos e servizos con fins sociais e na que a Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) instalará inchables solidarios.

 

maios verin 2024-70
A Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta volverá participar nesta edición da Festa dos Maios. | FOTO: Anabel G. Simón.

 

Exhibición de Maios

Desde as 11:00 ata as 20:00 horas, veciñanza e visitantes poderán admirar na praza da Alameda as creacións artísticas e tradicionais elaboradas por dez colectivos: CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, CRA Monterrei, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, IES Xesús Taboada Chivite, Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinesa de Amigos da Música, ANPA do Conservatorio de Música de Verín e o Colexio Apostólico Mercedarios. A oito días do evento, as previsións meteorolóxicas volven anunciar a probabilidade de choiva durante a xornada, tal e coma aconteceu o pasado ano.

 

Unha xornada matinal que se vai complementar co tradicional concerto da Banda de Música de Verín ás 12:00 horas na mesma praza. Tamén se porán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín a un prezo de 1 euro, cuxa recadación se destinará á Federación Provincial de Mulleres Rurais (Femuro).

 

 

Nova edición da Feira Solidaria de Verín

Mesma xornada na que a praza García Barbón acollerá a Feira Solidaria de Verín a partir das 10:30 horas. Nesta nova edición, diversas entidades sen ánimo de lucro ofrecerán os seus produtos e servizos con fins sociais. Ata o momento, confirmaron a súa presenza a Cruz Vermella, Aires Nosos, Asociación Flor da Xesta, Asociación Provincial de Mulleres Rurais (Femuro), Asociación Galega contra o Cancro e a Asociación de nenas e nenos e xente nova con diabetes de Galicia (Anedia). Precisamente a Asociación Española Contra o Cancro de Ourense foi a beneficiada da recadación dos maios no 2023, unha edición na que o público ateigou a praza da Alameda.

 

A Feira Solidaria busca dar visibilidade ao importante labor destas asociacións, facilitar a recadación de fondos para os seus proxectos e fomentar a cooperación entre elas. Unha iniciativa á que se une a Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) coa instalación de inchables solidarios na praza, cuxa recadación tamén irá destinada a Femuro. Unha xornada completa para celebrar a tradición e a solidariedade en Verín.

NOTICIAS VERÍN | A vila florecerá cuns Maios cargados de espírito solidario