domingo. 19.07.2026
A asociación de empresarios impulsa o comercio local con sorteos, inchables solidarios e mensaxes de cariño

NOTICIAS VERÍN | AEVER dinamiza a vila con campañas especiais polo Día da Nai e os Maios solidarios

20250424 AEVER, maios, Día da nai  Santos Álvarez, José Ángel Rodicio, Manuel Lorenzo, concelleiro de feiras
Santos Álvarez, José Ángel Rodicio e Manuel Lorenzo, concelleiro de feiras de Verín, durante a presentación da nova campaña promocional. | FOTO: Anabel G. Simón.

A Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) pon en marcha dúas iniciativas para dinamizar a actividade comercial da vila nestas datas sinaladas. Por unha banda, a campaña "Feira Solidaria Os Maios" ofrecerá un entretemento para a cativada cun fin benéfico; por outra, a acción especial polo "Día da Nai" na que se sortearán vales de compra para incentivar o consumo no comercio local.

 

No marco da celebración dos Maios, o vindeiro xoves, de 10:00 a 14:00 horas instalarase un inchable na praza García Barbón. Nenas e nenos poderán acceder e desfrutar da diversión presentando tickets de compra dos establecementos asociados a AEVER. A cambio dun donativo de 1 euro, que se destinará integramente a FEMURO (Federación Provincial de Mulleres Rurais), poderán gozar da atracción. Unha carpa informativa da AEVER estará situada ao lado, onde se dará a coñecer aos asociados e a función da entidade.

 

Festexando o Día da Nai

Ademais, e xa en marcha desde hoxe, 24 de abril, e ata o 4 de maio, AEVER lanza a campaña do "Día da Nai". O obxectivo é incrementar o atractivo da zona comercial e fomentar as vendas nesta data tan especial. Para iso, sortearanse cinco cheques regalo de 100 euros cada un para gastar nos establecementos adheridos. Para participar será necesario rexistrar as súas compras a través da páxina web ou mediante un código QR. Cada compra rexistrada supón unha nova oportunidade para gañar.

 

O sorteo realizarase online o 6 de maio e as persoas gañadoras poderán utilizar os seus vales ata o 30 de maio, cun mínimo de dous establecementos e un máximo de 50 euros por compra. Como detalle entrañable, AEVER distribuirá entre os seus asociados corazóns de papel coa mensaxe "Quérote mamá", animando á clientela a facerse fotos nos comercios para promocionar así o tecido empresarial local. Con estas iniciativas, AEVER busca dinamizar a economía local e celebrar estas datas dun xeito especial e participativo.

NOTICIAS VERÍN | AEVER dinamiza a vila con campañas especiais polo Día da Nai e os...