xoves 06/08/20
A cabeza de lista por Ourense apunta tamén que o castelo de Monterrei deixará de ser un parador co BNG na Xunta

Noa Presas: "Deseñaremos unha folla de ruta que restitúa os dereitos sanitarios roubados ós veciños de Verín e comarca""

Noa Presas lidera a lista por Ourense do Bloque Nacionalista Galego.
Noa Presas lidera a lista por Ourense do Bloque Nacionalista Galego.

 

Noa Olalla Presas Bergantiños naceu en Ourense un 2 de outubro de 1987. Dende os 16 anos que entrou nos comités abertos de estudantes, milita na formación nacionalista. É licenciada en Filoloxía Galega e Románica por Santiago e ten un mestrado de Profesorado. Foi a cabeza de lista por Ourense ó Parlamento de Galiza no 2016 e agora repite na mesma responsabilidade. 

A horas de rematar a campaña. Falemos das súas sensacións. Como lle foi?

Pois moi ben, sentindo como esa corrente de simpatía co BNG foi medrando cada día máis, o que nos fai pensar con moita ilusión na xornada do domingo. Creo que fomos quen de colocar enriba da mesa os problemas e necesidades de Ourense e iso vai a tener unha positiva resposta por parte do electorado en clave de agradecemento, que nos permitirá liderar o grande cambio a partires do 13 de xullo. 

Convencida de que se van a dobregar ás enquisas?

Por suposto, teño o firme convencimento de que Ourense, logo da rebelión que supuxo o Verín non se pecha, dará este domingo a sorpresa. 

Dous compromisos claros para con Verín e a súa comarca, por favor. 

Verín precisa que na Xunta haxa un Goberno que apoie o seu desenvolvemento, e non o que hai agora, unha Administración que practica o mesmo sectarismo político que Baltar na Deputación de Ourense e discrimina ao Concello de Verín, sinxelamente, porque está gobernado por nacionalistas e socialistas. Verín, Ourense tamén, precisa un novo impulso industrial, e o que non fixo Feijóo en 11 anos nós si o faremos: poremos a funcionar ese polígono de Tamagos, que nos permita ademais estreitar conexións co noso veciño Portugal e non seguir traballando de costas a eles. En materia social, o compromiso co hospital de Verín é firme, ten que ser un hospital de primeira e non un ambulatorio grande.

O compromiso co hospital de Verín é firme, ten que ser un hospital de primeira e non un ambulatorio grande

A candidata por Ourense do BNG, Noa Presas.Noa Presas, nunha imaxe de arquivo, cando visitou o centro de día Raiola de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Tamén, e isto creo que beneficiará sen dúbida a Verín, aprobaremos unha lei de localización empresarial para evitar o que está ocorrendo agora, que haxa empresas que reciben axudas da Xunta de Galicia e que as utilizan para establecer os seus centros de traballo fóra do país. O apoio público ten que ir vinculado a condicións de traballo e de mantemento do territorio. Esa nova regulación incluirá cláusulas que garantan o reequilibrio territorial, e non como a que aprobou Feijóo, onde unha vez máis se esqueceu a Ourense en materia industrial. 

Pero para ese pulo empresarial fan falta comunicacións por estrada en boas condicións.

Sen dúbida, de pouco vale ter empresas localizadas nesta provincia se as conexións por estrada non son aceptables. Dende o Goberno da Xunta terase unha actitude contundente co central para que a autovía A-52 sexa reparada e manteña unhas condicións óptimas de tránsito e de seguridade. Tamén teremos que refacer a chapuza do plan de transporte de Feijóo que non cubre as necesidades que ten o val de Monterrei.

Cada vez que o PP se achega ó castelo de Monterrei hai un agravio máis enriba da mesa

E, que van a facer co castelo?

Históricamente defendimos que o castelo ten que estar en mans públicas e ten que haber un uso pactado coa veciñanza de Monterrei, non pode estar exclusivamente adicado a intereses privados e hai que reverter esa situación cunha actuación patrimonial diferente. Vimos nesta lexislatura como se asfaltou, directamente, o camiño de entrada, en vez de realizar unha adecuación que permitira contemplar toda a riqueza patrimonial que ten no seu solo. Cada vez que o PP se achega ó castelo de Monterrei hai un agravio máis enriba da mesa. 

Iso suporía que deixase de prestar os servizos como parador?

Si, a nós gustaríanos que deixase de ser un parador privado.

Existen os recortes e a xente non se dá conta deles ou será que non son tal como vostedes defenden?

Pois, fíxate ti que eu si creo que a xente se está a dar conta. E remítome a datos obxectivos: o Partido Popular só goberna unha grande cidade en toda Galicia por un pacto da vergoña, que é Ourense. O Partido Popular só goberna unha Deputación, que é Ourense, e foi en Ourense onde o Partido Popular viu moi debilitados os seus apoios nas últimas eleccións xerais. Iso, e a corrente de mobilización que hai neste país en defensa da sanidade pública, refrendan que a xente xa se deu conta de que hai receitas alternativas ao que estivemos a vivir en Galiza nestes últimos 11 anos. 

Ben, en positivo. Con que medida notaremos os de Verín que hai un tripartito na Xunta no caso de se dar?

Que haxa un tripartito, ou bipartito... Decidirano os galegos e as galegas este domingo. Nós non damos nada por feito e aspiramos a liderar ese cambio cunha presidenta nacionalista e o noso primeiro compromiso é que o Goberno de cambio que saia desas urnas sentarase coa veciñanza de Verín e cos traballadores e traballadoras do hospital para deseñar unha folla de ruta que restitúa os dereitos sanitarios que foron roubados nos últimos anos. 

Noa Presas: "Deseñaremos unha folla de ruta que restitúa os dereitos sanitarios...
comentarios