venres 15/01/21
Con Víctor Fernández como adestrador, conseguiron para o clube maño a Recopa de Europa do 95

Morre Avelino Chaves, o verinense primeiro director deportivo da historia do Real Zaragoza

O Real Zaragoza vístese hoxe de loito. Avelino Chaves, un dos persoeiros máis sobresaíntes da historia do clube aragonés e secretario técnico por antonomasia, faleceu este mediodía aos 89 anos de idade na capital aragonesa. Vaise un verinense e zaragocista dos pés á cabeza, primeiro director deportivo da historia do Real Zaragoza

Avelino Chaves, nunha imaxe de arquivo pertencente ao seu álbum persoal.
Avelino Chaves, nunha imaxe de arquivo pertencente ao seu álbum persoal.

O Real Club Zaragoza vén de comunicar o falecemento do que foi o seu primeiro director deportivo de toda a súa historia, o verinense Avelino Chaves Couto, quen, o vindeiro 26 deste mes de xaneiro, cumpriría os 90 anos de idade. Chaves foi, primeiro, xogador do Real Zaragoza alá pola década dos anos 50 do pasado século e, tras fincarse na capital aragonesa definitivamente, converteuse no primeiro director deportivo da historia do club (sen ser chamado así xamais, pola inexistencia do cargo ata a modernidade), unha figura imprescindible na traxectoria de varias décadas do Real Zaragoza nesa faceta de captador de fichaxes e arquitecto de xogadores de alto rendemento.

Como futbolista, o seu principal fito foi o ser o máximo goleador da liga, pichichi, na tempada 1954 - 55, en Segunda División, tras anotar 24 goles. Dianteiro centro do vello fútbol, con calidade e moita potencia física na área -non era especialmente alto, pero si fibroso-, militou no Real Zaragoza entre as campañas 52 - 53 e a 57 - 58, seis tempadas das que só puido xogar realmente as catro primeiras pois unha grave lesión de xeonllo impediulle, a pesar dos seus esforzos e os dos médicos da época, volver vestirse de curto tras o dano acontecido na antesala do verán de 1956, cando Chaves forzou a súa integridade física na fase de promoción de ascenso na que, finalmente, o seu concurso foi clave para devolver ao Real Zaragoza a Primeira División.

Colgou as botas con 26 anos

A pesar de ter contrato dúas tempadas máis co cadro aragonés, o galego xa non podería volver a calzarse as botas e deixou o fútbol con apenas 26 anos. O que entón pareceu unha traxedia para el e para o Real Zaragoza acabou sendo o inicio dunha excelente carreira como máximo responsable técnico da entidade, primeiro durante máis de dúas décadas como clube e, tras o cambio no fútbol español en 1991, tamén nos albores da Sociedade Anónima Deportiva.

Avelino Chaves vinculouse á arquitectura do clube desde os anos 60 e non deixou de influír na construción dos grandes equipos ata a súa xubilación, pasada a metade dos 90. Baixo o rigor da súa axenda armáronse os Zaraguayos. Míticas son as súas fotografías con Arrúa ou Diarte, os seus avatares en Asunción (Paraguai) e mil anécdotas de todo tipo. Tamén virou o devir da modernización do Real Zaragoza a través de adestradores decisivos como Vujadin Boskov ou Leo Beenhakker, nos anos que uniron os 70 cos 80, con futbolistas como Señor, Barbas, Valdano, Amarela...

O pai futbolístico de Víctor Fernández

E a guinda que deixou Chaves para a súa gran participación no día a día do cadro zaragocista na elite foi a consecución da Recopa de Europa en 1995, coa Copa do 94 como aperitivo imprescindible para que iso sucedese. Entón, Avelino era ademais o pai deportivo do mozo Víctor Fernández, adestrador emblemático elixido polo clube un tempo antes, ao comezo dos 90, co que conformou un dúo crucial nos bancos de España e de Europa, pois Chaves exercía de delegado do equipo e, simultaneamente, de conselleiro directo de Víctor na banda.

Morre Avelino Chaves, o verinense primeiro director deportivo da historia do Real Zaragoza
comentarios