martes 12.11.2019
A reunión tivo lugar esta tarde na Casa da Cultura de Verín

O PSdeG-PSOE analiza o problema da dobre tributación dos retornados de Alemaña

Que acontece cos retornados? Logo de ter que emigrar, traballar duro lonxe da casa e decidir voltar á súa terra unha vez xubilados, xa hai tempo que veñen tendo problemas no eido da tributación. Semella que a cousa vai indo por países, pero está afectando a moitos emigrantes. Esta tarde na Casa da Cultura de Verín debatiuse polo miúdo a situación dos que marcharon cara Alemaña.

Na primeira fila estaban algúns dos candidatos dos socialistas ao Congreso por Ourense o vindeiro 10 de novembro.
Na primeira fila estaban algúns dos candidatos dos socialistas ao Congreso por Ourense o vindeiro 10 de novembro.

O problema da dobre tributación dos emigrantes retornados vén de lonxe. Moitos decidiron crear plataformas para denunciar o trato que lles está a dar a Agencia Tributaria, obrigándolles a tributar dúas veces polas súas pensións. Unha primeira nos países de acollida e a segunda dende que Montoro decidira cambiar os criterios na política fiscal. Foi entón cando moitos e moitas emigrantes retornados leváronse o susto de ter que pagar o IRPF en España polas pensións que cobraban polo seu traballo no estranxeiro.

Un problema que, sen dúbida, afecta a moita xente. Por iso, ista tarde o PSdeG-PSOE de Verín quixo informar con claridade da situación actual dos emigrantes retornados prexudicados. Que poden facer? Como solucionalo? Ista e moitas outras dúbidas foron resoltas na charla informativa que os socialistas de Verín organizaron na Casa da Cultura da vila. O coloquio comezou ás 20,00 horas e nel participaron Luis Gulín Iglesias, secretario de Emigración da Executiva do PSOE de Ourense, e Juan Carlos Francisco Rivera, avogado e candidato ó Senado polo PSOE de Ourense.

O secretario de organización do PSOE de Verín, Benigno Rodríguez Rodríguez, foi o encargado de presentar a "Xuntanza co colectivo de retornados de Alemaña".

Xa son moitas as resolucións dos tribunais de xustiza que avalan as protestas dos emigrantes retornados. Unha tras outra sentenzan que Montoro non tiña razón e que a Agencia Tributaria non pode cobrar unha dobre tributación polas pensións. A base distas sentenzas apóiase nos convenios asinados entre España e os países de orixe das pensións para evitar e non admitir a dobre imposición.

Nembargantes, seguiuse esixindo o pago do IRPF polas pensións ós retornados. Ata o punto de que, no 2015, o Goberno do Estado propuxera unha regularización sen sancións nin recargos. A ela acolléronse máis de 20.000 galegos, desembolsando case 47 millóns de euros ás arcas públicas. As moitas sentenzas dos tribunais non crean xurisprudencia, pero ata o TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), en resolución diste mesmo ano, quítalle a razón á Agencia Tributaria.

O PSdeG-PSOE analiza o problema da dobre tributación dos retornados de Alemaña
comentarios