luns 27.01.2020
Solicitan a suspensión do acordo e a provisión de recursos para atender as urxencias pediátricas

O equipo de xinecoloxía do hospital alega perante o Sergas que o peche do paridoiro non é competencia da xerencia de Ourense

O recurso de alzada presentado por Castrillo, García e Viñán foi interposto ante a Xerencia do Servicio Galego de Saúde, dirixida por Antonio Fernández-Campa. Trátase dun acto administrativo que busca a revisión e enmenda da decisión adoptada por Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Os tres facultativos que forman o equipo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Público de Verín -Javier Castrillo, Sonia García e Rogelio Viñán-, veñen de presentar un recurso de alzada perante a Xerencia do Servicio Galego de Saúde contra o acordo adoptado por Félix Rubial de pechar o servicio de partos do centro sanitario de Verín.

Alegan que nin Félix Rubial, como xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, nin a propia Xerencia da Xestión Integrada teñen competencias para tomar a decisión dun peche de servicio. Tal decisión, correspóndelle á Consellería de Sanidade, según establece a Lei 8/2008 de Saúde de Galicia.

O recurso de alzada é un acto administrativo, non xudicial, utilizado para solicitar ante un órgano administrativo a revisión dos actos dictados por outro órgano dependente xerárquicamente del, buscando que enmende conforme a dereito o acordo adoptado polo órgano inferior. É dicir, cando un xefe adopta unha decisión, co recurso de alzada pódese recurrir ó xefe do xefe para que cambie a decisión adoptada.

Deste xeito, os xinecólogos do Hospital de Verín presentan o recurso de alzada contra o peche do paridoiro solicitando "se acuerde dejarlo sin efecto, y se proceda a proveer al servicio de partos del Hospital Público de Verín de los necesarios recursos humanos para que no quede desatendido".

Estrutura da Sanidade Galega:

Consellería de Sanidade - SERGAS (xerencia) - Áreas Sanitarias (xerencia)

O pasado 22 de novembro, Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, notificaba ó Servicio de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital de Verín o acordo que dispuña que "a partir das 8:00 horas da mañá do vindeiro día 1 de decembro producirase o traslado dos partos das mulleres do distrito de Verín ao Hospital Universitario de Ourense".

É, cando menos, salientable o feito de que unha decisión de tal magnitude sexa comunicada somentes con 7 días de antelación. No mesmo escrito, solicitábanlle ó equipo médico de xinecoloxía que trasladaran ás mulleres da bisbarra, de xeito individualizado, toda a información necesaria para actuar en consecuencia. 

O resultado desta decisión é ben coñecido: a maior mobilización social da bisbarra que uniu a toda a veciñanza na loita contra o progresivo desmantelamento do Hospital de Verín e a perda de servicios sanitarios na contorna. Agora, o equipo médico da un paso máis e toma o camiño dos recursos legais para botar atrás o peche do servicio de partos, xa que consideran que o acordo adoptado pola xerencia de Ourense carece de rigor formal.

Alegacións esgrimidas no recurso

O recurso de alzada presentado polos xinecólogos pretende impugnar a decisión adoptada por Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. Ó longo do escrito son moitas as alegacións presentadas para xustificar que dita decisión non é axeitada nin foi realizada con arranxo á lei; a máis importante delas, que a Xerencia de Ourense non é o órgano competente para suprimir un servicio sanitario.

Según establece o Decreto 168/2010 polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servicio Galego de Saúde, as xerencias das áreas sanitarias teñen como función, entre outras, "xestionar todos os recursos da respectiva estrutura de xestión integrada para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos". Félix Rubial, como xerente executivo da Área Sanitaria de Ourense, asume a "responsabilidade da xestión de todos os recursos asignados ó seu ámbito de competencias"

Polo tanto, legalmente, nin o xerente executivo nin a propia xerencia de xestión integrada poden suprimir un servizo xa existente, somentes poden xestionalo. A facultade para suprimir servicios xa existentes nun hospital é competencia de órganos superiores; así o establece a Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, que otorga á Consellería de Sanidade a competencia para a "autorización para a creación, modificación, traslado e supresión ou peche de centros, servicios e establecementos sanitarios".

Deste xeito, no recurso presentado por Castrillo, García e Viñán, manifestan que "el acuerdo impugnado que ordena de facto la supresión del servicio de partos de manera indefinida ha sido dictado por órgano manifiestamente incompetente por lo que (...) resulta radicalmente nulo, lo que podrá comportar además hacia su autor responsabilidades por los perjuicios que se puedan producir a los usuarios".

Ó mesmo tempo, para evitar que durante a tramitación do recurso se podan producir perxuízos á poboación que conleven responsabilidades, solicitan "la suspensión del acuerdo impugnado, con la debida provisión de los recursos humanos para atender las urgencias sanitarias". No caso de non revocar a suspensión do peche do paridoiro, o equipo médico solicita, subsidiariamente, "comuniquen a este servicio y a las mujeres embarazadas órdenes concretas, o un protocolo concreto, de actuación".

O equipo de xinecoloxía do hospital alega perante o Sergas que o peche do paridoiro non...
comentarios