sábado. 27.04.2024
Axenda cultural.

Chega a primeira fin de semana de outubro e parece que, con ela, aterra o 'veranillo' de San Miguel, que trae consigo unha maior estabilidade das temperaturas, máis cálidas, que habitualmente aparecen a finais de setembro e principios de outubro. Unha boa noticia para gozar dos mellores plans de lecer para estes vindeiros días. Toma nota... E a desfrutar!

Venres, 1 de outubro

Primeira sesión das cuartas xornadas de novela histórica, organizadas pola Biblioteca Municipal e que van ter lugar no Auditorio. As protagonistas desta edición serán as mulleres escritoras, con nomes de primeiro nivel nacional, como Luz Gabás, autora de 'Palmeras en la nieve'. Dará comezo ás 11:00h cunha sesión para a cativada e continuará pola tarde a partir das 19:00h, momento no que se fará a presentación oficial para o público xeral. O vindeiro día, máis e mellor.

 

Sábado, 2 de outubro

Ás 10:00h da mañá dará comezo o cuarto concurso de pintura rápida nas inmediacións do Castelo de Monterrei. Os participantes disporán de seis horas para realizar unha obra sobre o entorno paisaxístico e monumental da Fortaleza, con técnicas e estilos libres plasmadas sobre lenzo. Ás 17:30h do mesmo día, coñeceranse os tres vencedores que se farán con premios de 1000€, 500€ -máis compra da obra- ou unha escultura do artista Xosé Rivada, respectivamente.

Unha hora máis tarde, ás 11:00h, os veciños de Viana do Bolo poderán acudir a un obradoiro, levado a cabo na Casa da Cultura da localidade e impartido pola Escola Galega de Consumo, sobre servizos financeiros. A veciñanza poderá consultar todas as súas dúbidas sobre o funcionamento das entidades bancarias, como poden ser préstamos, comisións, avais, caixeiros automáticos no rural ou peche de sucursais.

Xa en horario de tarde, a partir das 18:30h, continúan no Auditorio as cuartas xornadas de novela histórica da Biblioteca, coas intervencións da autora María Vila, coa súa obra 'Mulleres piratas no século XVI' e da coordinadora de cultura da CRTVG, María Solar, que falará sobre 'Os nenos da varíola'. Despide a sesión Luz Gabás, quen tamén participará na sinatura de libros que porá fin ás xornadas.

Hora da merenda-cea, a partir das 19:30h en Laza, co Imos de pincho. Como cada sábado e por só 1,50€, poderán degustar os diferentes pinchos dos hostaleiros da zona e pasar un anaco en boa compañía mentres manteñen a barriguiña contenta.

Domingo, 3 de outubro

Para os amantes do deporte e sen pereza polos desprazamentos, cita co Verín C. F. na terceira xornada da liga, que visita a casa do C. D. Velle, o campo Monte da Aira, ás 17:00h

Luns, 4 de outubro

Ás 18:30h, na Casa da Cultura de Viana do Bolo, dá comezo o Biblioutono, un programa destinado á cativada con contacontos, conferencias, obradoiros, espectáculos musicais e de maxia... Co obxectivo de que os máis pequenos da casa potencien e melloren os seus hábitos de lectura sen esquecer a diversión.

AXENDA | Sen plans para esta fin de semana? Velaí algunhas propostas de lecer