María D.
30 de septiembre de 2021, 8:01
O Concello de Viana do Bolo vén de facer pública a listaxe de actividades enmarcadas no programa Biblioutono, destinado á cativada e que dará comezo o vindeiro luns.
Durante catro días do mes de outubro, a Casa da Cultura da localidade acollerá contacontos infantís, conferencias, obradoiros, espectáculos musicais e de maxia... Para que os cativos potencien e melloren os seus hábitos de lectura sen esquecer a diversión.
Todas as actividades, no marco dos proxectos Ler Conta Moito e FalaRedes da Xunta de Galicia, estarán dispoñibles de balde e non será precisa inscrición previa.
A programación
Luns, 4 de outubro ás 18:30h:
- O grupo teatral Sarabela Teatro achega ao ourizo cacho Naturizo, quen lles trasladará aos cativos historias das súas aventuras pola serra e sobre a importancia do coidado do medioambiente.
Luns, 18 de outubro ás 18:30h:
- Quenda para Sheila García que achegará “Dende Exeria a Xela Arias”, unha obra coa que repasar a vida de importantes mulleres na historia de Galicia. Trátase dun itinerario que afonda na obra e na vida de grandes referentes intelectuais galegas como Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Filomena Dato. Actividade enmarcada na celebración do Día da Muller Rural.
Venres, 22 de outubro ás 20:00h:
- Da man da escritora María Canosa, chega un repaso da interesante vida de Emilia Pardo Bazán no ano no que se cumpre o centenario da súa morte. Canosa é autora de máis de 50 obras publicadas e gañadora de dez premios, co que se sitúa como un dos grandes referentes da literatura galega actual.
Venres, 29 de outubro ás 18:00h:
- Para fomentar a dinamización lingüística, 'Laretando nas Lareiras', unha actuación da Maga Fani xunto con Martín Camiña. Un espectáculo de ilusionismo para o público familiar, que emprega o humor e a participación para recuperar a memoria do que somos e o valor da nosa lingua.