Os 500 bombeiros comarcais de Galicia levan uns meses en folga reivindicando a mellora das condicións laborais e a contratación de persoal para poder cubrir as necesidades básicas do servizo de emerxencias que atende ás bisbarras en Galicia. Non é que non traballen, é que necesitan poder ter os descansos reglamentarios no seu traballo.
Pois ben, así as cousas, recibían un plantón por parte das administracións responsables dos Servizos de Extinción de Incendios e Salvamento Comarcais. Xunta e Deputacións decidiron non acudir á reunión convocada polos representantes dos traballadores co obxecto de constituír unha Comisión Negociadora dende a que resolver os problemas que atravesa.
A falta de persoal fai que os parques comarcais de bombeiros, dependentes dos consorcios provinciais, teñan que permanecer pechados, deixando sen servizo de atención inmediata á cidadanía. Proba delo foi o acaecido o pasado domingo, 3 de setembro, cando os bombeiros de Xinzo tiveron que encargarse de atender un lume na Avenida de Sousas de Verín.
Ata o de agora, os bombeiros ían cubrindo o servizo facendo turnos dobres e acumulando horas extra para non deixar desatendido un servizo de emerxencias; pero, como é lóxico, non se poden atender as emerxencias diste xeito. Por iso, decidiron convocar unha folga que se limita a cumprir os seus horarios.
A xuntanza estaba marcada para esta mesma mañá; nembargantes, onte "a parte social recibiu unha comunicación telefónica na que se nos trasladou que non van a poder acudir á xuntanza por ter axendada eles outra para valorar as demandas que os traballadores propoñen como solución ao actual conflito", explican dende o comité de folga.
É ben curioso que se programe unha reunión para afondar na resolución dos problemas que afrontan no día a día os parques de bombeiros comarcais sen contar coa presenza da parte traballadora. Os representantes sindicais afirman que, "mentres non se acaden as solucións que o persoal demanda, vanse manter as medidas de presión que sexan precisas, intensificándoas se observamos que o xogo das Administracións continúa na liña que nos veñen acostumando de dilatar prazos".