sábado. 27.04.2024
X solidaria Portas Abertas
Performance a favor da X solidaria na campaña da renda, realizada polo CDR Portas Abertas en Verín.

O traballo do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas ao longo dos seus 34 anos de existencia é un bo exemplo do que se pode facer cos cartos recadados con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades. Tamén, da coñecida X solidaria da campaña da renda.

Neste 2024, o CDR Portas Abertas vai xestionar ata 12 programas distintos; todos baixo a premisa de traballar coa comunidade rural en procesos de desenvolvemento integral e sostible. Un traballo que se fai en coordinación con outros axentes do territorio co obxectivo de mellorar as condicións de vida da poboación no seu medio.

A entidade traballa na bisbarra baixo o paraugas do programa integral de intervención no medio rural. Un marco de coordinación que rexe todas as actuacións dirixidas a loitar contra a exclusión social e territorial. O enfoque das iniciativas está dirixido cara aos grupos desfavorecidos, promovendo unha mellor calidade de vida e a participación de todos os colectivos de poboación. 

Programas específicos

A promoción da igualdade entre mulleres e homes, xunto coa prevención e loita contra a violencia de xénero, conta cun programa específico que cobra grande importancia no rural. A iniciativa "Elas" desenvolve accións de información e de formación para o empoderamento e participación activa das mulleres; en especial, as que sofren situacións de vulnerabilidade.

Co obxectivo de contribuír á creación dunha comunidade rural desenvolvida e sostible en todos os ámbitos, o CDR Portas Abertas xestionará no 2024 os programas "Vou Contigo", "Aldeas Activas", "Atención ás Necesidades Básicas", "Capacidade Inclusiva-Rural e Activa", "Cos Meus", "Galicia Acolledora", "O Noso Espazo", "Voluntariado Ambiental", "Concilia Rural", "Integral" e "Familia e Comunidade".

NOTICIAS VERÍN | Portas Abertas xestionará 12 programas de traballo coa comunidade...