martes. 16.04.2024
PSdeG_agriculturaecolóxica_Riós 20230104 (1)
Martín Seco, José Luis Vaz e Marina Vaz durante o encontro cos produtores en ecolóxico. | FOTO: Noelia Caseiro.

Riós converteuse hoxe en epicentro das reclamacións dos produtores en ecolóxico ante as políticas de axudas que a Xunta de Galicia vén aplicando. O voceiro socialista de Medio Rural no Parlamento de Galicia, Martín Seco, e o presidente de Verín Biocoop, José Luis Vaz, denunciaban, ista mañá en Riós, a perda de axudas para os produtores en ecolóxico de Galicia logo do recorte establecido pola Xunta a un "sector que é fundamental para o futuro do rural galego".

As declaracións tiñan lugar na reunión mantida con numerosos produtores en ecolóxico que asistiron ó encontro coa intención de pór de manifesto a súa inquedanza ante o futuro que se lles plantexa no sector por mor da falta de axudas para darlle continuidade ás súas producións. Un acto no que tamén participaron os parlamentarios socialistas Gonzalo Caballero, Adolfo Pérez Abellás, Miguel Bautista e Marina Ortega e o ex parlamentario Juan Carlos Francisco Rivera.

Jose Luis Vaz tomaba a palabra para explicar a importancia de producir alimentos sans sen prexudicar á terra e sinalou a relevancia do sector non só dende o punto de vista económico, senón demográfico, de medioambiente e para a saúde da cidadanía. “As nosas pradeiras son reservas de carbono que mitigan o cambio climático” sinalou Vaz, ademais de enfatizar que os produtores en ecolóxico son “case autosuficientes e practicamos a economía circular”.

PSdeG_agriculturaecolóxica_Riós 20230104 (2)
Participantes no encontro informativo sobre o recorte das axudas á produción ecolóxica en Riós. | FOTO: Noelia Caseiro.

O presidente de Verín Biocoop rematou coa lectura dun manifesto vinculado ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica para reclamar que as axudas non exclúan a ningún dos produtores de Galicia coas partidas suficientes. Pola súa banda, Martin Seco alertaba do feito de que a Consellería do Medio Rural vai deixar sen axudas para a conversión á agricultura ecolóxica ao 43% das hectáreas solicitantes.

O responsable socialista criticou que, logo de “promocionar e alentar” ós agricultores a dar o paso de adoptar a agricultura ecolóxica, os fondos da Xunta son insuficientes e necesitan 2,4 millóns de euros adicionais para atender as solicitudes. Acusou ó goberno galego de tomar “o camiño contrario” ó resto do Estado, que ten unha media de superficie en ecolóxico do 10,2%, cando en Galicia está por debaixo do 5%. Subliñaba, ademais, que, para atender ás máis de 45.000 hectáreas certificadas polo CRAEGA, o orzamento previsto para o período do 2023-2027 pola Xunta deberá triplicarse.

En resposta a preguntas dos produtores que asistiron ó encontro, Martín Seco incidiu en que non se poden consentir estes “recortes”, xa que poñen en cuestión a viabilidade económica de moitos produtores, e requiriu á Consellería que rectifique. A xornada foi organizada polos PSdeG da comarca de Monterrei coa finalidade de manter informados ós numerosos produtores en ecolóxico que hai na bisbarra, logo do recorte establecido pola Xunta ó sector.

NOTICIAS VERÍN | Os socialistas denuncian os recortes da Xunta á produción ecolóxica no...