sábado. 27.04.2024
O Consello Municipal da Saúde de Riós quedou constituído este luns, no salón de actos do Multiusos.
O Consello Municipal da Saúde de Riós quedou constituído este luns, no salón de actos do Multiusos.

Esta mañá quedaba oficialmente constituído o Consello Municipal de Saúde de Riós, unha sorte de órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta, asesoramento e seguimento das accións en materia de protección e promoción da saúde, así como da actividade sanitaria no ámbito municipal.

 

Estará integrado pola alcaldesa do municipio, Eva Barrio, que exercerá as funcións de presidenta do mesmo; o concelleiro delegado de sanidade, no cargo de vicepresidente; e terá como vogais aos seguintes membros: 

  • Tres representantes do centro de saúde: médico/a familia, enfermeiro/a.
  • 1 farmacéutico/a.
  • Psicólogo/a do Centro de Información da Muller.
  • Alcalde/sa-pedáneo/a de todos os núcleos de poboación do Concello de Riós.
  • 1 representante do corpo da guardia civil en Riós.
  • 1 representante da residencia terceira idade de Riós.
  • 1 representante empresa adxudicataria servizo axuda no fogar no seu caso.
  • 1 representante do CEIP Vendas da Barreira.

 

Os estudos, propostas e informes emitidos polo Consello son de carácter informativo e con fins consultivas, non vinculantes. En consecuencia, configúrase como un órgano permanente de participación, asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate.

 

Aínda que o ámbito de actuación do Consello Municipal de Saúde é coincidente cos límites e competencias municipais e sempre referido a temas de saúde pública, o Concello Municipal de Saúde do Riós procurará a coordinación e colaboración con outros Concellos e outras entidades, públicas e privadas, que transcendan o ámbito municipal aos efectos de procurar información, realizar propostas ou trasladar solicitudes, naqueles casos que poidan incidir nas actuacións deste Consello.

Para que serve o Consello Municipal de Saúde?

Son funcións deste Consello, a representación e canalización da participación comunitaria en temas de saúde ou asesoramento e a elaboración de propostas de actuación en materia de saúde, así como o seguimento das mesmas. Así, corresponde ao Consello de Saúde:

  1. Coñecer e participar no diagnóstico de saúde que realice o Concello.
  2. Coñecer e participar na elaboración do Plan de Saúde Municipal.
  3. Promover a realización de informes de impacto en saúde das iniciativas municipais, especialmente aquelas relacionadas con desenvolvemento urbano.
  4. Participar no desenvolvemento, seguimento e avaliación dos programas municipais de saúde.
  5. Canalizar e promover a participación da comunidade nas actividades de promoción e protección da saúde e en especial, de educación para a saúde e envellecemento activo.
  6. Canalizar e valorar cantas iniciativas e suxestións permitan mellorar a atención sanitaria na área de saúde.
  7. Promover e propor solucións corresponsables e coordinadas aos problemas de saúde que afectan ao ámbito municipal.
  8. Avaliar, no ámbito das súas competencias, a adecuación dos recursos materiais e humanos existentes no Concello de Riós en materia sanitaria.
  9. Propoñer e informar ás Administracións con responsabilidade sanitaria na zona sobre calquera asunto que afecte á promoción, protección e asistencia socio-sanitaria, no termo municipal.
  10. Recompilar canta información sexa necesaria para o cumprimento das anteditas funcións.
  11. Elaborar o regulamento de funcionamento interno, para a súa aprobación por parte do Pleno Municipal.

 

Un enfermeiro polas aldeas

O novo ente municipal reunirase dúas veces ao ano, ou as que sexan precisas no caso de que sexa formal e estatutariamente convocado por unha representación dos membros que o compoñen. 

Os veciños e veciñas de Riós comezarán a notar que o Consello Municipal comezou a funcionar nun servizo tan preciso como é o sanitario. Unhas das medidas acordadas esta mesma mañá é que os servizos de enfermaría do centro de saúde de Riós se despracen, de xeito periódico, por todas e cada unha das aldeas do municipio para coñecer, de primeira man e no domicilio dos residentes, cales son as circunstancias nas que viven, podendo así elaborar un mapa dos coidados precisos para aqueles doentes de maior idade, con dificultade de movemento, ou mesmo que estén en risco de exclusión social. 

A nova rexedora do Riós, Eva Barrio, no despacho da alcaldía. | FOTO: Iván Iglesias.
A rexedora do Riós, Eva Barrio, no despacho da alcaldía. | FOTO: Iván Iglesias.

Eva Barrio, presidenta do Consello Municipal de Saúde, congratulábase este mesmo luns trala reunión constitutiva do novo ente. "Estou segura de que este novo instrumento que lle damos ao Concello de Riós permitirá que todas as nosas veciñas e veciños estén máis controlados no que á súa saúde atinxe. Isto é só o principio. Logo dese mapa de necesidades que faremos aldea por aldea e veciño por veciño, comezaremos tamén cunha axenda didáctica, levando formación en materias coma a nutrición ou o cancro de mama á porta da cada casa", asegurou. 

 

 

NOTICIAS VERÍN | Constituído o Consello da Saúde de Riós, que levará os coidados ata as...