sábado. 27.04.2024
José Luis Chan e Eva Barrio inauguraron o primeiro Foro da Castaña en Riós.
José Luis Chan e Eva Barrio inauguraron o primeiro Foro da Castaña en Riós.

O primeiro Foro da Castaña de Riós, que organiza o Concello coa colaboración da Consellería de Medio Rural, arrancou esta mañá o seu ciclo de conferencias. Para inauguralo, a alcaldesa, Eva Barrio, estivo acompañada por José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta.

Chan falou na súa intervención de todas as medidas que está implementando o goberno autonómico para recuperar os montes, facéndoos produtivos e tamén para mellorar a súa xestión. Destacou o Plan Forestal de Galicia 2022-40, no que os castiñeiros teñen relevancia, e sinalou algunhas das axudas económicas que se ofrecen para este sector agroforestal que abrangue 49.000 hectáreas en toda Galicia, cunha media de recollida de 20 millóns de quilos de castaña que se traducen noutros 20 millóns de euros no mercado.

O foro, que se celebra no Edificio Multiusos de Riós, prácticamente encheu o seu salón de actos con persoas chegadas de diversos puntos de Galicia interesados no sector. A primeira conferencia estivo a cargo de José Martel, xefe do servizo de Saúde e Vitalidade dos Montes; e Raquel Blanco, da Área de Soutos, quenes puxeron en valor o auxe dos castiñeiros polo grande interese que están xerando ao ser "un cultivo muy rentable", sinalou Martel.

Os primeiros conferenciantes detallaron ós asistentes o programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña en Galicia. Na charla destacaron as 81 variedades de castaña autóctonas galegas, pondo como exemplo Extremadura, onde só teñen dúas. "Nos centramos en una serie de variedades con mejor comercialización, pero no podemos olvidarnos del resto. Es importante atender la amplia variedad del soto tradicional", apuntou Martel. A madeira é outra das formas de explotación dos castiñeiros que obtén bos resultados no mercado. Para iso, Martel sinalou que van comezar unha horta sementeira só para a producción de madeira.

Raquel Blanco e José Martel foron os primeiros ponentes.
Raquel Blanco e José Martel foron os primeiros ponentes.

 

O programa estratéxico para os soutos de castiñeiros prevé 36 actuacións ata 2040, das cales 21 son de carácter prioritario e se comezarán nos próximos cinco anos. Blanco explicou de forma concreta os eixos principais que pasan pola planificación, a investigación, o desenvolvemento, o impulso da comercialización e fomento da calidade da castaña ou a mellora da competitividade

Na potenciación desta produción tratánse de eliminar limitacións como son o abandono dos montes, as pragas ou a estacionalidade, o descoñecemento das posibilidades de mercado e ata a falta de desenvolvemento da cultura culinaria que poida empregar estes produtos. Os castiñeiros non traen consigo só castañas e Martel resaltou outras producións complementarias como poden ser o mel ou os cogomelos.

Esta primeira xornada do Foro da Castaña continuou con diversas charlas nas que se abordaron as axudas dispoñibles ou aspectos máis científicos do cultivos e coidado dos castiñeiros, ata contaron con exemplos de empresas xa consolidadas no sector. Mañá, última xornada deste foro, os asistentes trasladaranse a Portugal, onde visitarán un souto e presenciarán a recollida da castaña -tanto mecánica como manual- por parte dunha empresa de transformación.

Gran asistencia nesta primeira xornada do Foro da Castaña.
Gran asistencia nesta primeira xornada do Foro da Castaña.

 

NOTICIAS VERÍN | O auxe dos castiñeiros busca unha maior potenciación comercial