Martes. 19.03.2024
veiga1
Así loce o escenario calquera destas últimas noites moi preto do Pozo do Demo, na Veiga das Meás (Vilardevós).

O festival de música e arte de Woodstock foi unha congregación hippie de música rock que comezou un venres 15 de agosto de 1969, e rematou na madrugada do luns 18. Desenrolouse nunha granxa de máis de 240 hectáreas, en Bethel, no condado de Sullivan, pertencente ao estado de Nova Iorque. 

Dicir que "Transcendance Project" non garda moitas similitudes co anterior sería, sinxelamente, faltar á realidade. Son tamén tres días; ten lugar nas mesmas datas do mes de agosto, combina arte e música e, aínda que non ten lugar nunha granxa, a pradeira da Veiga das Meás -xa moi preto do Pozo do Demo- onde ten lugar, non lle desmerece un ápice á granxa neoiorquina.

veiga2Imaxinación e colorido o que derrocha a cúpula dos DJ's.

Este domingo rematará unha variopinta e colorista concentración de aventureiros amantes da música electrónica, que estableceron a súa base -a maioría en tendas de campaña- a carón do que se coñece como a rave party ou, na súa tradución literal, festa do delirio. Para chegar ata o lugar do certame é preciso transitar arredor de tres kilómetros dende a entrada do núcleo de A Veiga das Meás (Vilardevós) e dirixirse rumbo ao Pozo do Demo. Logo dun borrallento camiño e moi cerca dun lameiro, atópase o particular e inaudito campo da festa, precedido dun estacionamento de vehículos, caravanas e tendas de campaña dos máis de dous centos de persoas que levan facendo noite dende o xoves. O tirón deste festival alternativo está sendo tal que arrastran, xa de xeito case habitual, a transcendancers de media centro Europa e, por suposto, do territorio nacional, onde se celebran outros cinco deste estilo, sendo o da Veiga o único na comunidade galega. 

Resulta lixeiramente difícil tentar describir o que alí pode atoparse. Non se discuten as similitudes coa histórica concentración americana -non, evidentemente, en afluenza, que este venres rexistrou un aforo dunhas 300 persoas-, aínda que de seguro que en Bethel envexarían a colorista cúpula construída no lugar, que gaña pola noite coa iluminación e serve de aparente cobertizo para os Dj´s convidados. Tampouco a música, se cabe polo paso dos anos, concorda. Será difícil escoitar a Janes Joplin, como nos USA; aquí más ben o que soará, como así o explica Aitor Diz, "é un pouco trance, a música electrónica máis evolucionada; para a xente que non o entenda é a evolución electrónica do rock psicodélico dos anos setenta".

veiga3A música alternativa deixará de soar esta mesma noite... pero só ata o ano que vén.

Fernando Montero, o seu irmán Carlos, Aitor Diz -o único da Veiga das Meás e impulsor de que o festival alternativo leve cinco anos celebrándose alí-, Xurxo Pérez, Manu San Martino e Jorge Fuentes son os que pariron a idea, que, con poucos medios -"xa que a nivel institucional ninguén nos axuda, agás a xente da aldea que nos cede o prado e non nos pon impedimento algún"-, estase a converter nun referente español neste tipo de convocatorias, que é quen de atraer a máis dun cento de campistas ata o lugar, moitos chegados de Alemaña ou Holanda. 

A xente do pobo de 60 ou 70 anos vén ata aquí a coñecer este tipo de música alternativa. Está ben que se faga algo no pobo, aínda que non o entendamos, nos din

Pero, sen dúbida, o máis singular e de seguro moito máis difícil é, como así recoñecía Aitor, "chegar ata o punto de que a xente do pobo de 60 ou 70 anos veña ata aquí a coñecer este tipo de música alternativa, e que mesmo nos pregunten, meses antes, que cando volven os das coletas... Está ben que se faga algo no pobo, aínda que non o entendamos, nos din", apunta Diz. 

RITMOS HIPNÓTICOS E COMPLEXAS MELODÍAS DE SINTETIZADOR

O trance psicodélico, comúnmente chamado psychedelic trance ou psytrance é un xénero de música electrónica caracterizado por uns arranxos de ritmo un tanto hipnóticos e complexas melodías de sintetizador, que inclúen fortes riffs (frases musicais) de tempo rápido. Fíxose popular por primeira vez en 1995, cando a prensa británica fixou a súa atención no fenómeno goa trance.

Os primeiros hippies que chegaron a Goa, na India, fixérono a mediados dos anos 1960, atraídos por moitas razóns, entre elas, as praias, o custe da vida baixo, o carácter das súas xentes, as relixións e as prácticas espirituais. Tamén por unha sinxela dispoñibilidade de hachís hindú, que por entón era legal. 

Nos primeiros anos 1970, os DJ's puñan, de cotío, música de grupos de rock psicodélico como Grateful, Dead, Pink Floyd ou The Doors. Foi dende 1979, co auxe da música electrónica, cando se comezou a escoitar en Goa temas de formacións como Kraftwerk, que máis tarde acabarían sendo exportados cara Europa dando lugar ao estilo que impera estes días nos lameiros de A Veiga.

ÍDELO PERDER?

Aínda teñen ata esta noite a posibilidade de comprobar o inxenio deste grupo de mozos que non se resisten a manter vivo o rural con iniciativas tan sorprendentes para o común dos mortais como este festival. Imprescindible, se é que se achegan, cumprir tres ou catro normas básicas, entre elas, "a de non molestar aos seres extraterrestres e interdimensionais presentes no recinto". 

Quinta edición do "Transcendance Project", o festival de música alternativa da Veiga...