
A BANDA de Gaitas Nova Era, que leva activa dende o ano 2014, como un proxecto a nivel local co que poder difundir a música galega, presenta hoxe o seu novo EP: 'Outros compases: Cara A'
Este é o seu segundo disco, que se puxo en marcha durante o confinamento coa idea de suplir os concertos en vivo. Debido a isto, óptase por darlle un toque máis persoal a este traballo discográfico, que chega cargado de liberdade, mesturando diversos xéneros coa intención de que a música das gaitas chegue a todos os recunchos. Á súa vez, o nome tamén foi escollido con picardía, xa que se pretende evocar a aquelas cintas de casette de dobre cara nas que se podía disfrutar de música distinta por cada lado.
Este disco consta de tres cancións de carácter experimental: "O soño da Tutuá", "Fantasía: Ano V" e "Fía". Esta útima recolle nunha nova creación varias coplas do Museo do Pobo Galego, nas que se relata como se facían as labores do campo en Galicia a principios do século XX. Esta idea xorde grazas a colaboración desta agrupación no Festival de Curtas de Verín, onde musicaron a curta "O carro e o home", de Antonio Román e Xaquín Lorenzo.
Neste novo formato, as cantareiras estarán acompañadas por instrumentos inusuais como o acordeón e o violín, para facer de "Fía" unha homenaxe á sociedade galega, que se mantivo viva grazas uns métodos de traballo e de vida que comezan a desaparecer.
Tras o primeiro disco de Nova Era, "Rumbo NE", o 2020 parecía un bo ano para os proxectos musicais, que non puideron sair adiante por culpa da pandemia. Pero este 2021 chega cargado de positividade e ilusión, grazas a este novo EP, que dende hoxe, xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Podes escoitalo aquí.