
Fai máis de 30 anos que se creou o Conservatorio de Música de Verín. Dende entón, nais e pais loitan por conseguir melloras nas instalacións e nos estudos que se imparten. Pero foi fai algo máis dun ano cando as familias decidiron crear a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Conservatorio -ANPA-, contando co apoio e colaboración do Concello de Verín. A finalidade da ANPA era, e segue sendo, implementar os servizos que se ofertan dende o Conservatorio e mellorar a calidade dos mesmos e de todo aquilo que ten que ver con este. Ó fronte da ANPA atópase Javier Díaz, presidente; Sara Dapía, secretaria, e Patricia Rodríguez, tesoreira. Xa son máis de 60 familias as que forman parte da Asociación.
Durante o seu primeiro ano de traxectoria, a ANPA levou a cabo actividades para mellorar a situación na que se atopa o Conservatorio, tales como sacar a música á rúa, crear maios cos cativos e ata unha excursión por mor da actividade "Camiños sonoros" no Castelo de Monterrei; unha iniciativa da Xunta de Galicia na que novos prodixios da música dan concertos en diferentes puntos da Vía da Prata do Camiño de Santiago. Dende a ANPA agradecen o apoio que lle está dando o Concello de Verín, en especial a implicación do Tenente Alcalde, Diego Lourenzo.
Queremos que a música non quede só pechada no conservatorio, senón que a música creza, que saia á rúa e sexa patrimonio de todos (Sara Dapía, secretaria da ANPA do Conservatorio)
Este sábado, 23 de novembro, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal de Verín, o Conservatorio de Música realizará o primeiro concerto do curso no que haberá diferentes actividades en honra a patroa da música e dos músicos, Santa Icía. Este concerto non é só iso, senón que, "é unha festa da Comarca", como declarou Sara Dapía.
O acto comezará cunha entrega de calendarios -nos que saen as mozas e mozos do Conservatorio- ás persoas que contribuíron ou apoiaron as iniciativas que leva a cabo a ANPA. De seguido, lerase un escrito sobre o valor da música e a importancia que ten para Verín o Conservatorio, de Xosé Carlos Caneiro; un escritor da vila. Coros, música e un homenaxe a Nicanor Domínguez, o exdirector do centro, que estivo durante máis de 20 anos ao fronte do Conservatorio de Verín, serán outras das actividades que terán cabida na programación do acto.

En definitiva, a ANPA xoga un papel moi importante na mellora do Conservatorio de Verín, e as súas principais funcións son dinamizar a música e lograr o grao profesional -polo que levan loitando tempo-. Agora, esta Asociación quere pór en valor o talento dos estudantes do Conservatorio de Verín e seguir organizando actividades para mellorar a calidade do centro a todos os niveis.