martes 17.09.2019
Dende este xoves poderán facerse con ela, de xeito gratuíto, no museo do Claustro Mercedario

O Concello edita unha guía para entender a mostra "Verín, enclave de gaita"

Ruth Foxo é a autora dun novo traballo editorial que leva o nome da mostra que dende o 6 de agosto se pode contemplar no museo do Claustro Mercedario de Verín. A publicación, gratuíta, é imprescindible para poder moverse pola exposición.
Integrantes da banda de gaitas do Concello de Verín, visitando a mostra que dirixe Xosé Lois Foxo, á dereita.
Integrantes da banda de gaitas do Concello de Verín, visitando a mostra que dirixe Xosé Lois Foxo, á dereita.

A partir deste xoves, 22 de agosto, estará dispoñible ao público o novo traballo editorial de Ruth Foxo, “Verín, enclave de gaita”, editado polo Concello de Verín dentro do programa do mesmo nome que pretende achegar a historia deste instrumento á nosa vila.

A publicación poderase adquirir de xeito gratuíto na mostra de gaitas primitivas que alberga o Museo Claustro Mercedario e pode ser de grande axuda para a súa visita, ao analizar os vinteséis exemplares que se expoñen. Cada gaita está seleccionada entre os grandes movementos da historia do instrumento e é estudada dende un enfoque dual, cronolóxico e temático. Na guía poderemos atopar os grandes tipos de cornamusas do mundo occidental, mediterráneo e asiático. Ruth Foxo, a autora, expresa o seu desexo de que esta dobre mirada e esta lectura instrutiva chame aos interesados a unha visita con ollos novos e curiosos.

O programa “Verín, enclave de gaita” pretende levar ao visitante por unha viaxe a través do tempo e o mundo no que descubrirá como a gaita se foi forxando coma un elemento esencial na identidade de diversas sociedades moi dispares culturalmente e afastadas territorialmente, un feito que non impediu que, coas súas variantes, se popularizase en todas elas.

O Concello de Verín manifesta o seu agradecemento ao Museo Internacional de Cornamusas e a Ruth Foxo a súa achega a este proxecto cultural nado co afán de recuperar e por en valor a importancia de Verín como enclave cultural.

A iniciativa está a ter unha boa acollida e colleita éxitos de asistencia en cada actividade que realiza. Cabe destacar especialmente a mostra de gaitas primitivas do Museo Claustro Mercedario que xa vai camiño de chegar aos 1.000 visitantes dende a súa apertura o pasado 6 de agosto.

O Concello edita unha guía para entender a mostra "Verín, enclave de gaita"
comentarios