domingo. 13.10.2024
O xurado premiou un traballo que explica a orixe da diversidade de medida dos ferrados

O historiador Rubén Castro, galardoado cos 6.000 euros da segunda edición de Premio Taboada Chivite

O xurado da segunda edición do prestixioso premio que pretende difundir e ensalzar a figura do etnógrafo e historiador verinense Xesús Taboada Chivite, presidido polo alcalde de Monterrei e presidente da Mancomunidade de Municipios de Verín, José Luis Suárez Martínez; resolveu, de xeito unánime, concederlle os 6.000 euros do galardón ao historiador Rubén Castro Redondo, por un traballo no que explica a existencia de tantas medidas para un ferrado no territorio galego. 
premio
Membros do xurado e alcaldes da Mancomunidade, pouco antes de coñecerse o fallo do premio Xesús Taboada Chivite.

O galardón da segunda edición do Premio Xesús Taboada Chivite, convocado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín co apoio técnico de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, foi concedido por unanimidade este venres a Rubén Castro. No traballo galardoado, titulado De señores, señoríos e medidas do país: cartografía metrolóxica da Galicia moderna, o historiador lanza unha hipótese para explicar por que a medida dos ferrados é tan diversa no territorio galego.

Esta segunda edición do prestixioso premio que pretende difundir e ensalzar a figura do etnógrafo e historiador verinense Xesús Taboada Chivite, convocada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, foi posible grazas a un convenio entre a Facultade de Historia de Ourense e a Mancomunidade, financiado pola Deputación Provincial de Ourense.

O tribunal, reunido onte nas dependencias do Parador de Turismo do Castelo de Monterrei, chegou unánimemente ao acordo de concesión do premio.

Os integrantes do xurado foron Fátima Brañas, antropóloga e profesora da Facultade de Ciencias de Educación do campus de Ourense; Xulio Rodríguez, arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico de Ourense; Xosé Carlos Sierra, arqueólogo e antigo director do Museo Enolóxico de Ribadavia, e Pedro López e Roberto López, historiadores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa resolución o xurado resalta o traballo de investigación levado a cabo polo autor da investigación, valorando que “parte dunha hipótese de interese que conxuga a metroloxía coa xurisdición e trata os ámbitos de historia política, administrativa e social, achegando unhas conclusións e un apartado cartográfico que este xurado entende son de relevancia para os campos académicos sobre os que versa esta edición”.

O traballo de investigación parte dunha hipótese de interese que conxuga a metroloxía coa xurisdición e trata os ámbitos de historia política, administrativa e social, achegando unhas conclusións e un apartado cartográfico que este xurado entende son de relevancia para os campos académicos sobre os que versa esta edición

O acto desenvolveuse en presencia de varios representantes dos concellos mancomunados; e tras darse a coñocer o fallo, o presidente da Mancomunidade telefoneou ao gañador para darlle a nova e a noraboa. Iste, que se atopaba en París -actualmente colabora coa universidade de La Sorbona-, amosou a súa sorpresa pola chamada e agradeceu moi sinceiramente o galardón.

A entrega do premio, dotado con  6.000 euros aportados polos sete concellos que forman a Mancomunidade, terá lugar no mes de febreiro.

“UNHA COUSA MOI GALEGA”

“A idea deste traballo naceu para dar resposta a unha cousa moi galega como é por que as medidas tradicionais, como os ferrados de superficie, miden diferente en moitas partes de Galicia e porén hai sitios nos que miden igual a pesar de estar afastados. Quería dar resposta á distribución das medidas tradicionais”, comenta Rubén Castro, actualmente investigador posdoutoral da Xunta de Galicia na Universidade París 1 Sorbona. A teoría aceptada, indica, “era a do caos, que non había ningunha orde” e no seu traballo propúxose “buscar algunha cousa que xustificase esa aparente desorde”.

chivite1O premiado, Rubén Castro Redondo. 

No seu traballo Rubén Castro lanza a hipótese de que o mapa da distribución das medidas dos ferrados é idéntico nun 92% ao mapa dos concellos antigos, das xurisdicións, que se prolongan desde a parte final da Idade Media ata toda a Idade Moderna, ata o século XIX. “Superpoñendo as dúas distribucións, a política e a metrolóxica, resulta que saltou a chispa”, sinala o historiador. Unha mesma xurisdición, detalla, tiña as medidas de ferrado iguais para todo o seu territorio pero, advirte, estas xurisdicións, aos contrario que acontece cos concellos actuais, estaban repartidas en anacos separados xeograficamente, de aí a diversidade actual. “A idea xurdiu realmente cando miraba por casualidade o que pasaba no concello onde nacín, en Bergondo”, comenta o historiador. Ese concello, indica, non existía na Idade Moderna, estando o seu territorio dividido en moitas xurisdicións. “Dinme conta de que dúas parroquias deste concello que compartían xurisdición a pesar de non estar pegadas xeograficamente compartían o tamaño dos seus ferrados. Entón pensei que iso podería ser o que pasara no resto de Galicia”, afirma Castro. Comprobando esta hipótese no resto de concellos, atopou que “o 92% dos valores das medidas de ferrados son iguais dentro da súa xurisdición” e que “todo se explica a partir da planta dos concellos antigos.

O historiador Rubén Castro, galardoado cos 6.000 euros da segunda edición de Premio...