jueves. 25.04.2024
Drons, Medio Rural, conselleiro, José González, UIFO, Exército, Ejército, Infesta, Incendios. | FOTO: Xosé Lois Colmenero
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o xeneral Luís Cortés, e o conselleiro de Medio Rural, José González, escoitando as explicacións do Cabo Primero Ferreirós. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

Coa chegada do verán e a subida das temperaturas vese incrementada a actividade incendiaria en todo o territorio español. Especialmente en Galicia e, sobre todo, en zonas altamente sensibles como é a comarca de Monterrei, con grandes focos cada ano. Por isto, a base da Xunta en Infesta, Monterrei, foi o lugar elixido para unha demostración do uso que se lle dá aos drons e outros aparatos non tripulados para evitar e controlar os lumes.

Ao acto acudiu o titular de Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. Tamén o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e outras autoridades locais. En representación do Exército, o xeneral Luís Cortés, xefe da Brilat e da Operación Centinela, entre outros.

O conselleiro destacou a importancia de xuntar forzas e medios humanos e tecnolóxicos en toda a comunidade co fin de ter o terreo o máis vixilado posible e así detectar condutas e presuntos incendiarios. "Son moitos os ollos que temos sobre o terreo para anticiparnos aos lumes" e, advirte, "esta mensaxe é para algúns incendiarios: Sabemos quen sodes e intensificaremos esforzos para que caia sobre vós todo o peso da lei e afrontedes os gastos de extinción dos incendios", engade. 

 

Os medios

González recordou no acto que a Xunta de Galicia conta actualmente con 12 drons que realizan tarefas de vixilancia, prevención e detección destes incendiarios. A estes, hai que sumarlles os que aporta o Exército, dentro da Operación Centinela. Tamén engadiu outro dato: o 70% do territorio galego está vixiado con cámaras de última xeración que permiten identificar as matrículas dos vehículos. Isto sumado aos efectivos do SPIF e as patrullas a cabalo da Garda Civil e o Exército, fan unha importante labor disuasoria, xunto coa colaboración das Emerxencias e Protección Civil.

Quixo agradecer a toda a cidadanía que, facendo uso da responsabilidade, utiliza os teléfonos gratuítos 085 e 900 815 085 para avisar dos lumes. Grazas a todos estes esforzos, "un 87% dos incendios rexistrados na tempada quedaron en conatos", engade o conselleiro.

 

Investigación de lumes

Neste sentido entra en xogo unha nova institución, creada este ano, que focaliza a súa labor na investigación e da causa dos incendios, estando desvinculada das tarefas de extinción. Trátase da UIFO -Unidade de Investigación de Incendios Forestais-, integrada por 15 axentes ambientais. O conselleiro fixo pública tamén unha nova colaboración deste equipo coa patrulla militar neste eido da investigación.

NOTICIAS VERÍN | Exército e Xunta unen forzas contra a actividade incendiaria