Xoves. 28.03.2024
madanela1
Na aldea de A Madanela rexistráronse altos niveis de arsénico na auga da traída.

O Concello de Monterrei estase a enfrontar a un importante problema de salubridade nalgunhas das traídas de varios dos principais núcleos de poboación, que acabará por xerar, como así o explica o rexedor José Luis Suárez Martínez, "un notable quebradeiro de cabeza para municipios como o meu, que como todos ten as competencias en materia de control de augas, pero que non ten capacidade para afrontar as millonarias inversións que se requiren para dotar as actuais infraestruturas das condicións precisas para garantir o suministro cumprindo todos os parámetros". 

O problema, que xurdiu o ano pasado cuns niveis de arsénico en auga que dobraban o autorizado pola normativa vixente, no núcleo de A Madanela, estase a ramificar noutras poboacións como Medeiros -unha das máis populosas da montaña- ou mesmo Vilaza. Na primeira delas preocupa a presenza de radón e, na segunda, é o fósforo o que está pondo en perigo a salubridade das acometidas para a veciñanza.

No primeiro dos casos, o da Madalena, as alarmas saltaron no pasado verán, cando o pozo de barrena de O Carregal, que ata entón levaba uns dez anos en funcionamento e que abastecía de sobra ás necesidades da poboación en verán, foi clausurado da noite para a mañá por a detección de preocupantes niveis de arsénico no líquido elemento. A solución alternativa para os meses de maior demanda foi levar auga en cisternas dende Medeiros, ata que o manancial de A Fraga recuperase a capacidade produtora. O inverno pasou e, coa chegada dos turistas e as altas temperaturas, o problema de subministro reverdeceu.

madanela2A auga do pozo de O Carregal, na imaxe, estaba a proporcionar niveis de arsénico o dobre do permitido pola normativa vixente. 

A solución adoitada polo Concello non foi outra que misturar a auga de O Carregal -o pozo do que tamén brota o arsénico- coa que chega do manancial para así rebaixar a perniciosa concentración do elemento letal. Alternativa que, sen dúbida, non acaba de convencer á veciñanza. Nunha breve charla con algúns deles, fan evidente a súa preocupación: "Aínda que se rebaixe a concentración ata chegar a niveis permitidos pola lei, non temos a suficiente información de se os novos niveis están xa permitidos e tampouco nos salva de seguir inxerindo arsénico non sabemos se en cantidades que no tempo poidan resultar dañidas para a nosa saúde", di Santiago Rodríguez, veciño de A Madanela, que non desaproveitou a ocasión de requerir que sexa a administración competente a que, de xeito "inminente, actúe provendo a este núcleo de poboación doutra captación que cumpra os parámetros. Non podemos continuar con este inmovilismo e seguir inxerindo auga que a día de hoxe non sabemos se está a respectar as esixencias". 

O Concello tamén emitiu un bando no que prohibía, de xeito total, o uso da auga para outros aqueles que non fosen os exclusivos do aseo persoal e da manutención, co propósito de surtirse o mínimo posible da captación contaminada. 

madanela3Bando do alcalde, José Luis Suárez, prohibindo calquera uso alternativo da auga que non fose para o aseo ou a manutención. 

COMPROMISO DE "AUGAS DE GALICIA"

O arranxo pode chegar de Augas de Galicia. O rexedor municipal, José Luis Suárez Martínez, apunta que xa ten o compromiso deste organismo autonómico para buscar unha alternativa, tamén cun pozo de profundidade, pero que non estea contaminada "do xeito como o está a da perforación de O Carregal". Sen embargo, o alcalde non elude o grave problema "que as administracións locais temos enriba da mesa. A seca está deixando baleiros os mananciais e os pozos substitutos teñen que ir cada vez a maior profundidade, o que fai que teñamos cada vez máis probabilidade de atoparnos con elementos contaminantes que impiden que a auga sexa apta para o consumo humano". Así, os controis das augas noutras localidades están sacando á superficie altas concentracións de radón en Medeiros ou de fósforo en Villaza, "que nos fan plantexarnos deseñar un plan de actuación a longo prazo para o municipio e investir en equipamentos de tratamento para o subministro inviables para a capacidade do noso Concello se non obtemos axudas doutras administracións", láiase. 

 A seca está deixando baleiros os mananciais e os pozos substitutos teñen que ir cada vez a maior profundidade, o que fai que teñamos cada vez máis probabilidade de atoparnos con elementos contaminantes que impiden que a auga sexa apta para o consumo humano

Ao anterior problema, "que non é baladí", di o alcalde, "xuntaselle o da titularidade das traídas -segue explicando José Luis Suárez-. Hai núcleos nos que a auga non está municipalizada e as aldeas son os titulares das acometidas e os que se encargan da súa xestión e control, pero a lexislación atribúe as competencias últimas en materia de salubridade á institución municipal, o que nos obrigará, co paso do tempo, a actuar na práctica totalidade do Concello", advirte o primeiro edil do Concello de Monterrei. 

Augas que matan... na Madanela de Monterrei