miércoles. 24.04.2024
Mouros e cristiáns, na última das batallas ata o de agora, en 2013, en Trez (Laza). | FOTO: Xosé Manuel Salgado.
Mouros e cristiáns, na última das batallas ata o de agora, en 2013, en Trez (Laza). | FOTO: Xosé Manuel Salgado.

A "loita" da muller por ter o mesmo protagonismo que o home en todos os aspectos da vida cotiá pasa tamén por incorporarse a algo que parecería tan sinxelo como participar nas diferentes recreacións históricas que a longo e ancho do territorio se dan nestas datas de verán. Hai territorios, como en Xinzo, onde polo de agora, como así confirman os compañeiros do Diario do Limia, permitir que unha muller cruce o Lethes como integrante das lexións romanas na Festa do Esquecemento é case pecado mortal. O mesmo ocorría en Trez, no Concello de Laza, onde consta que dende as primeiras décadas do século XX e ata o 2013 se representaba unha particular batalla de mouros contra cristiáns cada 25 de xullo con seis integrantes masculinos en cada un dos bandos. "Só o capitán mouro chegaba montado a cabalo. Os cristiáns vestían pantalón normal, camisa branca, faixa e banda de cor, distinguíndose o capitán polo pano branco que leva sobre a fronte. Os mouros ían cubertos con sabas brancas, a xeito de chilabas, e turbantes tamén brancos, pero o seu capitán usaba capa e pano na fronte. Como armas tanto mouros como cristiáns manexaban espadas de madeira", recollía Xesús Taboada Chivite no seu libro Ritos y creencias gallegas no capítulo de "Moros y cristianos en tierras de Laza (Orense)", en 1980. 
 

Os cristiáns nos anos 50 do século XX. De fronte o capitán e ao fondo un mouro. | FOTO: foto facilitada por Lisardo Costa.
Os cristiáns nos anos 50 do século XX. De fronte o capitán e ao fondo un mouro. | FOTO: facilitada por Lisardo Costa.


A tradición mantívose, e incluso se foi perfeccionando coa introducción de roupa máis axustada á época e circunstancia que se quere evocar. Así, os cristiáns aparecen nos últimos tempos, xa no século XXI, con traxe roxo e azul complementado con imitacións de cotas de malla características dos cabaleiros medievais, e os mouros con pantalón e camisa brancas, faixa verde e turbante tamén verde, destacando o xefe pola súa capa. Así mesmo, foron melloradas as armas, pasando a seren espadas e alfanxes de metal, segundo recolle o estudo do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. E, permaneceu ata o 2013, último ano no que se representou un 25 de xullo antes da misa a particular recreación da loita entre os bandos logo de que os mouros tentaran facerse ca imaxe do patrón de todos os galegos, o Santiago Apóstol. 

Rocío Guerra foi unha das impulsoras da recuperación da batalla de mouros e cristiáns en Trez.
Rocío Guerra foi unha das impulsoras da recuperación da batalla de mouros e cristiáns en Trez.

Rocío Guerra é, con Alexis Rúa, unha dos organizadores, de novo e neste 2022, dunha nova edición da histórica batalla: "Non quería que se perdese por máis tempo unha representación que enchía de xente ao noso pobo, e na que participaron pais, avós e ata bisavós dalgún de nós. Pero non tiñamos homes suficientes para poder encher cada bando, por iso que aínda con algunha que outra reticencia, ao final os veciños acabaron entendendo que era a hora da muller", reconoce.

Por iso é que este vindeiro 25 de xullo de 2022, case unha década despois de que se suspendera, mouros e cristiáns -nove homes e tres mulleres- volverán a enfrontarse no atrio da igrexa, no medio da procesión, ata que cheguen ao acordo da sumisión dos impíos, para que xa logo participen todos na eucaristía do patrón Santiago Apóstol. 

 

Primeira vez na historia que as mulleres loitarán na batalla de mouros e cristiáns de...