jueves. 25.04.2024
Programación do Ponte Farruca para este sábado en Laza.
Programación do Ponte Farruca para este sábado en Laza.

Valorar a figura da muller rural e do colectivo LGTBIQ+ é o obxectivo co que se organiza a primeira romaría Ponte Farruca, que terá lugar este sábado en Laza. "Toda a xente que queira participar vaise atopar nun ambiente agradable e cómodo, coa intención de tender pontes e ramas de diversidade", explica Xacobo García, un dos organizadores. O groso da programación terá lugar no cruce de Souteliño, onde se congregarán os asistentes.

As actividades de Ponte Farruca, organizado pola Asociación Entrelazados, terán lugar todo o día. Ao longo da xornada contarán cunha feira de artesanía que abrirá ás 11:00 horas e para os máis cativos terán actividades tanto pola mañá -ás 12:00- como pola tarde -ás 18:15-. Na programación tamén se inclúe unha andaina que partirá ás 10:00 horas do CEIP O Castiñeiro "para amosar un pouco a nosa aldea e, se repetimos, podemos cambiar cada ano a ruta para que visitante e veciños descubran as opcións de sendeirismo".

Antes do xantar, haberá música na sesión vermú da man dun grupo tradicional de Xinzo, chamado Lirolaio. Despois diso, será a hora de comer ás 13:00 horas cun menú onde haberá polbo e churrasco, este último custa 10 euros e hai que reservalo no 617 940 728. A organización, ante as peticións, disporá dalgunhas opcións vexetarianas para incluír a todo o mundo.

Pola tarde, centrándose no verdadeiro obxectivo do Ponte Farruca, ás 16:00 horas proxectarase o documental "Arraigadas da Terra" no baixo do Concello. "Nela falan diversas mulleres da comarca, incluída unha de Laza, e contan as súas experiencias", explica García. Ás 17:30 horas haberá un faladoiro nao cruce de Souteliño sobre o colectivo LGTBIQ+ a cargo de Enrique Aparicio. "Creo que vai ser moi interesante porque é unha persoa con moitos traballos sobre o colectivo. Pode dar un punto de vista e visibilidade ao que queremos facer", engade.

A música farase forte na tarde e entre as 18:30 e 20:30 horas haberá actuacións de grupos tradicionais, que darán pé ó comezo dun pasabares que arrancará no cruce de Souteliño e rematará na Praza da Picota. Neste emprazamento terán lugar, a partir das 22:30 horas, os concertos de Meiga-I, Davide Salvado e Cibrán Seixo "Terra sen Xente", Los Jinetes del Trópico e rematarán coa sesión dun DJ en galego. "Creo que o cartel promete polas actividades que ten e tamén é atractivo para o público", opina García.

O Ponte Farruca chega para fomentar a diversidade e espera quedar por moito máis tempo.

Mapa dos puntos clave do Ponte Farruca.
Mapa dos puntos clave do Ponte Farruca.

NOTICIAS VERÍN | O Ponte Farruca nace para realzar á muller rural e á diversidade sexual