Mércores. 05.10.2022
A proba desta fin de semana en Montalegre presentará os novos modelos eléctricos

DEPORTES | Un Mundial de Rallycross “luso-galaico”

Presentación en Ourense da proba do Mundial de Rallycross en Montalegre (5) (FILEminimizer)
Presentación este xoves en Ourense da proba do Mundial de Rallycross que se celebrará está fin de semana en Montalegre. | FOTOS: Iván Iglesias.

A quinta proba do Mundial de Rallycross que se celebra esta fin de semana (17 e 18 de setembro) no circuíto portugués de Montalegre será a ocasión para que os afeccionados galegos ao motor asistan a unha das espectaculares competencias entre Johan Kristofferson, actual campión do Mundo, e Niclas Grönholm, vencedor na pasada edición da carreira lusa. Ambos chegan á cita despois de ter conseguido en Riga, a principios de mes, as súas primeiras vitorias parciais da tempada (nas carreiras de semifinais) e, no caso de Kristofferson, as súas primeiras finais do ano (Grönholm rematou quinto na final do domingo). 


Grönholm é un apelido finlandés ilustre no ámbito do motor. Niclas é fillo de Marcus, dúas veces campión do Mundo de Rallys. Hoxe estivo en Ourense, nunha rúa entre o Pazo Provincial e o Centro Cultural Marcos Valcárcel para presentar a proba lusa, que desde a súa primeira edición en 2014 rende visita puntual a Ourense para animar a asistencia de afeccionados galegos. Niclas estivo acompañado por unha das mulleres en competición, a sueca Klara Andersson, a súa compañeira no equipo Construction Equipment Dealer, co que colabora Volvo.

“Montalegre é un circuíto feito para o Rallycross e por iso os pilotos gozan tanto”, explicou un membro da organización.


Klara Andersson é unha novata no Mundial. Mais en certo sentido, este ano todos parten de cero. Os modelos de coches en competición mudaron. Son vehículos eléctricos. “E son moi moi rápidos”, dixo a corredora durante a presentación. Esa é unha das grandes novidades do evento, que tamén incorpora cambios no circuíto, con curvas peraltadas xunto o habitual tramo de area a seguir do asfalto. “Montalegre é un circuíto feito para o Rallycross e por iso os pilotos gozan tanto”, explicou un membro da organización.

Presentación en Ourense da proba do Mundial de Rallycross en Montalegre (6) (FILEminimizer)
Klara Andersson e Niclas Grönholm, este xoves en Ourense.

O espectáculo comezará mañá venres pola tarde en Montalegre, cunha xornada no que afeccionados e pilotos compartirán espazo no paddock. O sábado os adestramentos comezarán ás 10:05 (hora portuguesa) e as mangas, ás 11:30. As semifinais do Mundial de Rallycross están previstas para as 18:00 horas (sempre hora portuguesa). A xornada do domingo terá os mesmos horarios.

“Esperamos reunir unhas 20.000 persoas durante a fin de semana, e desexamos que moitas cheguen da Galiza”, dixo un membro da organización. “Este é un evento luso-galaico”, resumiu. O vicepresidente da Cámara de Montalegre, David Teixeira, agradeceu ao Inorde, representado por Emma González, a xerente, e á Deputación, con Rosendo Fernández á cabeza, a cooperación que manteñen “cunha vila que se sitúa, grazas a este campionato, ao pé con grandes cidades”. 

Presentación en Ourense da proba do Mundial de Rallycross en Montalegre (4) (FILEminimizer)
Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, con David Teixeira, da Cámara de Montalegre.


Os novos motores eléctricos son dous (un en cada eixo), con potencias de 500 Kw, o equivalente en total 680 cv. Mais en Montalegre durante esta fin de semana e en paralelo ao Mundial, no mesmo circuíto, competirán os Supercars (RX1) e os S1600 (RX3), modelos con motores de gasolina. 

MÁIS INFORMACIÓN EN:

[WEB do Mundial] https://www.redbullcontentpool.com/fiaworldrx/
[WEB do circuíto] https://www.montalegrecircuit.pt/
[WEB de Montalegre] https://www.cm-montalegre.pt/

DEPORTES | Un Mundial de Rallycross “luso-galaico”
comentarios