Martes. 19.03.2024
Juan Carlos Francisco, minutos despois de convertirse de novo en presidente do Verín, C. F., con parte da súa directiva. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Juan Carlos Francisco, minutos despois de convertirse de novo en presidente do Verín, C. F., con parte da súa directiva. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O exdeputado autonómico polo PSdeG e avogado verinense, Juan Carlos Francisco, é dende esta tarde o novo presidente do Verín, C. F. Substitúe así na máxima responsabilidade do clube a José Manuel Zubiela quen, polo menos de xeito oficial, obstentaba o cargo. "Zubi", como así o coñecen na entidade, será o vindeiro xerente do Verín. Francisco Rivera terá, como tamén así anunciou, de vicepresidente a outro vello coñecido do fútbol local e da política municipal, Alberto Prieto. 

O novo presidente, Juan Carlos Francisco, non só debullou a súa directiva, senón tamén os principais obxectivos que ten para o seu recén estreado mandato. Haberá un director deportivo do Verín C. F. que terá, tamén entre outras misións, recuperar a canteira da entidade, ou aumentar de xeito significativo a masa social, que pretende o seu novo presidente situala nos 700 socios -arestora son pouco máis de 400-. 

Ampla resposta dos socios do clube, que case encheron o salón de actos da Casa da Cultura. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Ampla resposta dos socios do clube, que case encheron o salón de actos da Casa da Cultura. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Comezou o seu discurso trala aclamación, facendo unha especial mención a todos os que o acompañaron "nestes dous últimos anos, que foron moi difíciles, non só pola pandemia senón tamén porque non se alcanzaron os obxectivos deportivos agardados por todos", apuntou, non sen destacar que "mantemos intacta a ilusión por levar este clube a outras cotas, queremos devolvelo á gloria daquelas grandes tardes, dende o convencimento de que se este clube vai para arriba esta vila tamén irá para arriba, temos a seguridade de que esta entidade pode ser un polo de atracción económico para Verín e iso pasa por situar ao clube na categoría máis alta posible", dicía Juan Carlos Francisco. 

Para tal fin reclamou o anovado apoio dos socios, dos patrocinadores, "e tamén do Concello, que nos está apoiando, pero que ten que facer un esforzo adicional, porque sen el non imos a ningún lado". Francisco Rivera anunciou, á súa vez, unha remodelación do estadio, "facendo das instalacións un reclamo para anunciantes e patrocinadores. Pídovos implicación a todos, porque todo este traballo non seremos quen de facelo nós sós, precisamos o apoio de todos vós", recalcou Juan Carlos Francisco. 

"Isto está vivo"

Francisco Rivera rematou o seu discurso diante dos socios reiterando as posibilidades que o clube ten como elemento dinamizador da sociedade verinense: "Isto está vivo, se algún pensaba que estaba morto, non o está. E hoxe en Verín fan falta cousas vivas, nós non somos un elemento esencial, pero si somos un elemento máis que contribúe a dinamizar esta vila, e creo que é importante que se visualice iso, porque se ao Verín lle vai ben, a Verín tamén lle irá ben. Carballiño hai uns anos que estaba na nosa categoría e agora, en Segunda, move só de fóra unhas 1.000 ou 1.500 persoas, co que iso significa na economía de calquera vila", comparaba Juan Carlos Francisco. 

Torneo da Eurocidade

Juan Carlos Francisco despediuse dos socios -uns setenta se achegaron até a Casa de Cultura de Verín- anunciando que o clube programa un torneo de fútbol da "Eurocidade, no que participará, ademais do Chaves, o Deportivo da Coruña, e co Verín, loxicamente", que terá lugar unha vez que rematen as obras do campo que comezarán, como así lle confirmou o rexedor verinense, tamén presente no salón de actos, Gerardo Seoane, "a semana que vén". 

Os socios presentes tamén aceptaron a proposta do novo presidente de incrementar en 10 euros a cota anual para todos os afeccionados asociados ao Verín, C. F. 

 

Juan Carlos Francisco asume a presidencia do Verín C. F. para "levar a este clube á...