sábado. 20.04.2024
S4. Suso Lantes (FILEminimizer)
Xesús Lantes Vitureira, doutor en Filoloxía Galega, achegará ao Diario o significado dos nomes, en especial, dos propios.

Onomástica

 

Aproximámonos a partir desta fin de semana desde a fiestra de Diario do Támega á nosa realidade lingüística máis inmediata (máis íntima): nomes, apelidos, lugares, rúas, sinais, rótulos... que están ao noso arredor no día a día das nosas vidas.

Hai aspectos lingüísticos que semellan moi distantes, case que non están, porque non nos achegamos a eles dun xeito directo. Non se estudan nin nas carreiras máis específicas (Filoloxía), non obstante son aqueles que nos acompañan no noso devir diario. E non só iso, moitos (case todos) acompañaron a xeracións anteriores e van continuar nas futuras.

Este desleixo, abandono, falta de preocupación da sociedade pola onomástica máis familiar témola na nosa lingua. Os estudos de onomástica (nomes, apelidos, topónimos, alcuños) é recentísima. De feito a rama da lingüística coñecida como "paisaxe lingüística" nace no século XXI e aínda está a dar os primeiros pasos. Se nos fixamos nas institucións vemos unha falta tremenda de interese por estes temas. Non é cuestión dunha mirada retrospectiva, senón de fixármonos no presente. O Ministerio do Interior, só por pór un exemplo, converteu os Jesús en Jesus (em português), ás veces mesmo en francés (Jésus). O apelido portugués de Jesus, castelanizado en de Jesús. Os casos son graves e reiterados. O dos acentos neste país é algo de película.

As academias (RAE e RAG) ditaminaron case simultaneamente que as palabras: rúa, camiño, avenida, paseo, travesía, estrada... eran e son comúns. Así é, pois forman parte do elenco de substantivos comúns. Pero só foi pronunciárense as academias neste sentido para que os concellos rotulasen as rúas, prazas... "rúa do Pozo", "avenida de Luís Espada"..., en Galicia e en Guadalajara, os malos hábitos percorren o mundo como o virus. As normas ortográficas din do uso da letras maiúsculas: "Ao comezo do escrito, despois...", "Se escriben con mayúscula inicial... La primera palabra de un escrito...". Esperamos encontrar pronto "Avenida de Sousas", "Travesía de Elle", ... de acordo coas actuais normas ortográficas.

A rotulación, a sinalética, topónimos, antropónimos,... van ser obxectivo dos nosos comentarios, non só cun criterio científico, senón máis ben divulgador, co afán de espertar nos lectores o interese por este mundo tan próximo e ao mesmo tempo tan distante, espertar interese polo seu nome, apelidos, lugar onde viven, rúa, rótulo da súa tenda, etc.

Para rematar dar grazas ao Diario do Támega por posibilitar que estes comentarios "filolóxicos" cheguen ao devir diario dos lectores/as e no se encontren só con noticias que procuran unha información puntual e perecedoira.



Xesús Lantes Vitureira

 

Xesús Lantes Vitureira é un vello coñecido da docencia na vila de Verín. Naceu un 3 de xuño de 1953 na parroquia de Xornes (Ponteceso). Cursou os estudos de Filoloxía Hispánica e tamén Galega na Universidade de Santiago, na que acabaría doutorándose na segunda das licenciaturas.

Tralo breve paso como técnico na Consellería de Cultura e mestre de Formación Profesional en Santiago de Compostela, obtivo praza de profesor de Lingua Galega no Instituto de Bacharelato Xesús Taboada Chivite, no que formou a varias xeracións de estudantes entre os anos 1981 e 2003. 

Xesús Lantes será, dende esta fin de semana, o home da "Onomástica" no Diario