jueves. 25.04.2024
Fernando Rueda, con el libro que presentará este viernes.
Fernando Rueda, con el libro que presentará este viernes.

Fernando Rueda presentará o seu libro Al servicio de su majestad ás 19:30 horas deste 22 de abril na Biblioteca de Verín. O xornalista e escritor, máximo experto nacional en temas de espionaxe, impartirá unha conferencia que achegará aos asistentes ó mundo dos espías e a monarquía española. O seu último traballo de investigación, Al servicio de su majestad, recolle as chaves da relación entre o servizo segredo -CNI, antes CESID- e a Coroa. A obra formula cuestións como cales son as razóns polas que o CNI protexe á monarquía ou cal é a orixe da insistencia de Juan Carlos I por controlar os servizos de espionaxe nacional. A súa disertación abordará estas e outras materias.

O aforo da conferencia estará limitado a 35 persoas, por orde de chegada. A apertura de portas para os asistentes será ás 19:15 horas.

Fernando Rueda: referente nacional no campo de coñecemento da espionaxe

Fernando Rueda (Madrid, 1960) é doutor en Xornalismo pola Universidade Complutense e profesor na Universidade Villanueva, en Madrid. A súa longa carreira como xornalista de investigación comezou no diario YA e o seminario Época, e foi subdirector das revistas Tempo e Interviú. Xa pasou polos terreos informativos da prensa, os diarios dixitais, a radio e a televisión, sempre como xornalista de investigación. Leva máis de dúas décadas como responsable do espazo "Materia reservada", no programa "La Rosa de los Vientos", de Onda Cero.

É autor de La Casa, a primeira obra que se publicou sobre o servizo de intelixencia español e coa que rompeu, en 1993, os tabús da censura sobre á espionaxe. Despois desa primeira publicación seguíronlle moitas outras: KA: licencia para matar, Por qué nos da miedo el CESID, Operaciones secretas, Las alcantarillas de poder, El dossier del Rey, Espías y traidores, entre outras. Os seus libros máis recentes son Yo confieso -as memorias do axente de intelixencia Mikel Lejarza, "El Lobo", con quen coescribiu estas memorias-, Destrucción Masiva e a obra da que versará na Biblioteca de Verín: Al servicio de su majestad (editorial La Esfera de los Libros, 2021).

Al servicio de su majestad

"Ao longo dos anos como xornalista de investigación, desvelei en innumerables ocasións os éxitos do CNI -antes CESID- e tamén denunciei os seus excesos. Non só non teño nada contra eles, senón que considero que fan un gran servizo a España. Ninguén dubida, eu tampouco, de que os gobernos esixen desde hai moitos anos a actuación dos servizos segredos para axudalos. Deben facer o que faga falta, aínda que ás veces se traspasen os límites permitidos nun Estado de dereito".

Al servicio de su majestad "trata sobre as conexións da monarquía co servizo segredo, unha perspectiva nova desde ambos puntos de vista. Permitiume descubrir unha faceta oculta dos personaxes principais, os reis Juan Carlos I e Felipe VI, pero tamén dos xefes da espionaxe e de moitos axentes sen os cales non poderían comprenderse os seus reinados. Foi a soidade do primeiro na España franquista a que o empurrou a darse conta da necesidade de controlar ás Forzas Armadas e, tamén, a de buscar o escudo protector dos servizos de intelixencia, eses que espiaban intensamente ao seu pai, Don Juan, e tamén a el. Por iso, unha vez na xefatura do Estado, sempre loitou para conseguir que o director da espionaxe fose un home da súa máxima confianza. Daba igual a peripecia pola que pasase o rei, alí estaban eles para sacalo da lameira: conspiracións para quitarlle o trono, operacións sucias contra políticos, teléfonos picados pola CIA, espiar e apartar do seu lado a potentados amigos corruptos, facer fronte ás manobras na súa contra dalgunhas amantes, protexer a membros da súa familia, investigar a vida de posibles futuras raíñas… Cincuenta anos de dedicación que cambiaron coa chegada do rei Felipe, un punto de inflexión na relación monarquía-goberno-espías", explica o autor.         

Fernando Rueda presenta a súa obra "Al servicio de su majestad" na Biblioteca de Verín