domingo. 28.04.2024
Santi Cañaveral
Santi Cañaveral, director da Escola de Teatro Kotodama.

Unha das actividades máis novidosas desta edición do FIC Vía XIV de Verín será o obradoiro de interpretación perante a cámara que Santi Cañaveral e Álex Mallo impartirán entre o 8 e o 10 de setembro. Santi Cañaveral, director da Escola de Teatro Kotodama, fala dunha acción formativa que pretende achegar claves para que os participantes se desenvolvan con soltura diante dunha cámara. Todas as persoas interesadas en participar no obradoiro poden inscribirse no formulario publicado na web do FIC

Exactamente, en que consiste o taller que ides impartir?

É un obradoiro de interpretación ante a cámara dirixido a todos os públicos, de calquera idade, con ou sen experiencia actoral. Trátase dun breve taller de 22 horas de duración, no que ofreceremos consellos para manexarnos con soltura diante dunha cámara. Para iso, trataremos de que a xente interiorice os elementos precisos para facelo ben. Porque poñerse ante a cámara non é simplemente plantarse diante e xa está. Moita xente, sobre todo a que procede do teatro, pensa que basta con ser extravertido ou esaxerar o modo de actuar, facéndoo todo máis ao grande. Pero isto é un erro, no cinema e na televisión hai que comprimir ás presenzas, facelas máis pequenas sendo máis comedidos e actuando de xeito controlado.

Se non se conta con ningún tipo de formación previa para poñerse diante dunha cámara, o primeiro que hai que facer é respirar fondo, relaxarse e pensar que, se non nos sae ben, tampouco remata o mundo. Enfrontarse á cámara é complicado porque ao final é algo que queda aí, que perdura. No teatro, a interpretación esvaécese ao rematar a función, pero no cine e na televisión todo queda gravado. O máis importante é coñecer as técnicas para estar ben ante da cámara, ter un rexistro que se adecúe aos trazos de cada un, á nosa forma de camiñar, á nosa composición e á nosa forma de falar. Pero sobre todo, tanto no teatro coma no cine, é importante vivir o momento e desfrutalo.

Poñerse ante a cámara non é simplemente plantarse diante e xa está. Por iso, os participantes traballarán en parellas e recrearán escenas de series ou películas ben recoñecidas, que gravaremos

O obradoiro posúe unha vertente moi práctica, en que consistirá?

É eminentemente práctico, sen dúbida. Malia iso, terá unha pequena parte teórica de introdución sobre a interpretación. Na parte práctica, os participantes traballarán en parellas e recrearán escenas de series ou películas ben recoñecidas, que gravaremos. A maior parte do obradoiro consistirá en  estudar a escena, cuxo texto estará contido nunha ou dúas páxinas, ensaiala e gravala.

Terá lugar no Auditorio, pero tamén o levaremos á rúa. Un dos espazos nos que imos traballar será un dos bares que colabora con FIC Vía XIV e outro vai ser un lugar ao aire libre, na Rúa Lisa preto da Praza Maior. Gustaríanos que cando esteamos gravando na rúa, a xente se pregunte que estamos facendo e que poida ver de primeira man como se desenvolve unha gravación audiovisual. Por este motivo, imos levar á rúa o obradoiro.

É unha forma de amar o cine e de achegalo a todos os públicos nunha zona rural onde normalmente non chegan este tipo de actividades

Como xurdiu a idea de ofrecer esta formación?

Eu fixen e impartín cursos de cámara en cidades como Santiago ou A Coruña. Álex Mallo, que é un compañeiro co que me formei na Escola de Teatro e que impartirá este obradoiro comigo, especializouse en cine e xa estivo na miña escola o ano pasado para dar o primeiro obradoiro de cámara que se fixo en Verín e que funcionou moi ben. Despois diso, Carlos Montero, o director do FIC, propúxome que este ano o taller de cámara se puidera impartir coma unha actividade dentro do festival e pareceume unha boa idea porque, en realidade, tanto o festival coma esta formación entrelázanse de xeito moi natural. No fondo non deixan de ser o mesmo: unha forma de amar o cine e de achegalo a todos os públicos nunha zona rural onde normalmente non chegan este tipo de actividades.

Ás veces, os estados esquécense do rural e das vilas pequenas. O máis bonito e ver que a xente responde: se o FIC Vía XIV vai ben é porque existe un público que quere velo

De que xeito a cinematografía pode contribuír a dinamizar culturalmente territorios periféricos como o de Verín?

Penso que en Verín é moi necesario que existan iniciativas culturais para todo o mundo, que axuden a expandir o amor pola arte. Pero o máis bonito e ver que a xente responde: se o FIC Vïa XIV vai ben é porque existe un público que quere velo. Actividades como este obradoiro ou outras que xurdan a partir do festival son xeniais porque permiten á xente aprender sobre novas disciplinas, ademais de gozar das curtametraxes que se exhiben.

O cine xoga moito coa empatía. Ás veces, nos territorios periféricos sentimos que non somos escoitados cando temos algún tipo de reclamación ou petición perante as administracións. Ás veces, os estados esquécense do rural e das vilas pequenas. Co cinema e con iniciativas como o FIC Vía XIV constátase que existe un sentimento e un amor bucólico cara a arte en xeral e a cinematografía en particular, tamén nas contornas periféricas.

ENTREVISTA | Santi Cañaveral: "Imos levar á rúa o obradoiro; os participantes recrearán...