jueves. 18.04.2024
Os alumnos do CEIP Vicente Risco de Cualedro coidando o seu horto ecolóxico. | EDICIÓN: Iván Iglesias

Os corenta e un alumnos do CEIP Vicente Risco de Cualedro xa están a ver como o seu horto ecolóxico evoluciona. Hai algo máis dun mes comezaron esta aventura que hoxe dá os seus primeiros froitos. "Xa empezaron a saír as verduras!", dicían, emocionados, varios dos alumnos cando nos viron chegar. Esta iniciativa está enmarcada no programa 'Voluntariado ambiental', levado a cabo polo Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas

Este programa faise tódolos anos a través de Voz Natura, a fundación de La Voz de Galicia, que destina un orzamento para as labores de recuperación e defensa da natureza con nenos. Este ano o investimento é de 450 euros para todo o material que poidamos necesitar (Ramón Lantes, monitor do programa)

Un investimento destinado soamente ao CEIP Vicente Risco, o único en participar neste curso por mor da pandemia. "Este ano comezouse tarde pola Covid-19. Normalmente comezamos en setembro, á vez que o curso escolar, e rematamos cando os nenos acaban o cole", conta Ramón Lantes, o monitor do programa. "Temos que agradecer á dirección do cole e ao concello de Cualedro que facilitaron as labores de limpeza da finca para que poideramos arrancar", engade.

huerto cualedroO monitor, Ramón Lantes, acompañado de catro alumnos do CEIP Vicente Risco de Cualedro. | FOTO: M. D.

Os nenos son os encargados do coidado diario do horto, ao que lle adican cada mañá media hora de regadío. "Están moi motivados cada mañá para ir regar porque ven como van crecendo e failles moita ilusión", conta a directora do colexio, Merchi Iglesias. "Coidamos moi ben do horto, sachamos e regamos. É o que máis nos gusta facer porque regamos coa mangueira", din Erika, Julio e Alba, tres dos alumnos. Non obstante, un día á semana, o monitor acude ao colexio arredor de dúas horas para ensinarlles novas técnicas de coidado e incluso, para prantar e sementar novas variedades.

Xa teñen repolos, cebolas, tomates, calabacíns e leitugas. Hoxe trouxen brócoli, sandía, melón e pepinillos. Tamén temos sementado romero e margaridas, isto axúdanos ao control das pragas e a protexer os cultivos (Ramón Lantes, monitor do programa)

Polo momento, o horto atópase na primeira fase, na que maioritariamente se adican a regar. "Nestas próximas semanas imos comezar a arrincar as malas herbas", di Ramón. Esta actividade supón unha implicación práctica por parte dos alumnos, non obstante, cando o tempo non acompaña para saír, destinan esas horas á formación teórica. "Facemos charlas sobre o coidado do medio ambiente, de prevención de incendios forestais e sobre o control de pragas", afirma a directora do colexio.

merchi iglesias directora ceip vicente riscoA directora, Merchi Iglesias, tamén participa no coidado do horto. | FOTO: M. D.

O obxectivo da actividade

"Estamos nunha localidade pequena e a maioría das familias teñen hortas, normalmente coidadas con abonos e produtos químicos", afirma Ramón. Por iso, a finalidade que buscan é ensinarlles aos nenos novas fórmulas de abono que non sexan industriais, senón naturais. "Hai moitas prantas que serven, por exemplo, para espantar pragas, como o romero e as margaridas que nós utilizamos. Funcionan como un insecticida pero non son perxudiciais. Teñen que aprender que se pode facer a mesma cousa de distinta maneira", engade.

Esta actividade tamén nos axuda a ensinarlles que con traballo diario e grazas ao esforzo de cada un, se conseguen cousas (Merchi Iglesias, directora do colexio)

'Trío de ases'

Ademáis do compromiso polo medio ambiente e a reciclaxe no CEIP Vicente Risco desenvolven outras dúas iniciativas enmarcadas nun estilo de vida saudable. Por un lado, levan a cabo o programa 'Aliméntate ben' da Xunta de Galicia, que consiste no consumo de produtos de calidade que garantan unha alimentación idónea e equilibrada. "No noso comedor facemos uso das froitas e verduras que cultivamos no horto ecolóxico. Aos nenos encántalles consumir produtos saudables pero máis saber que eles os conseguiron", engade a directora. E cando lles preguntamos aos nenos que é o que máis lles gusta da actividade, tampouco dubidan "Comer a verdura!", din. Por outra banda, acompañan todos estes hábitos saudables cun estilo de vida activo centrado na realización de exercicio físico.

Un horto ecolóxico para os nenos do CEIP Vicente Risco de Cualedro