
A aldea da Xironda, en Cualedro, mantén vivas algunhas das tradicións entroideiras máis peculiares da bisbarra. E non so pola singularidade do seu traxe tradicional, a Mázcara, tamén por como viven o Entroido en comunidade. Un dos eventos máis esperados é a subasta do símbolo mitolóxico da fertilidade: o exaxerado falo da xigantesca figura de palla que personifica o Entroido. Precisamente, o boneco de palla é unha das tradicións que une á veciñanza moitos meses antes de que comecen as festas de Don Carnal. Na Xironda non é o Meco, chámanlle Entroido.
No vrao sementan unha leira e, meses despois, faise a sega tradicional de xeito manual para recoller a palla que utilizarán na ardua elaboración dun boneco de enormes dimensións. Pode alcanzar ata os cinco metros de altura. O Entroido permanece exposto na rúa durante as festas ata o martes; día no que se fai a subasta do descomunal membro viril co obxectivo de recaudar fondos. É un dos eventos que máis risas e bo humor levantan entre visitantes e veciñanza; é o momento no que a retranca embebe a todos e todas para celebrar o festexo. Logo, toca facer a queima do Entroido como símbolo do final de Don Carnal.

É certo que, nas terras do Támega, temos moitas similitudes en canto ós traxes típicos do Entroido; ó fin e o cabo, todos veñen do mesmo pai. Ás veces, e que me perdoen os puristas, para os neófitos resulta complicado poder diferenciar un Cigarrón dun Peliqueiro ou dun Zarramoncalleiro. Si, existen diferencias; pero cando pasan ó teu carón axitando o látigo e facendo tronar as chocas non está un para quedarse cos detalles.
A Mázcara da Xironda conta cunha expresión na careta ben distinta a todas as demais, sacada das antigas que gardaban algunhas familias da aldea e que foron restauradas xa que contaban cun século de vida. Na mitra pintan paisaxes e lugares típicos da aldea, non animais ou motivos florais. Ademais, contan con outra diferenza: na parte traseira levan a pel enteira dun zorro. A recuperación do traxe tradicional da Xironda está consolidada.
Iste ano sairán á rúa medio cento de Mázcaras. Quizáis máis. Un dos momentos máis emotivos será a tradicional visita que o grupo de Mázcaras fan, porta a porta, ás persoas que están enfermas ou con mobilidade reducida para que tamén sintan a emoción do Entroido en primeira persoa inda que non podan saír da casa. Será o domingo de Entroido, logo do xantar popular comeza ronda de visitas que son premiadas con agasallos en forma de produtos típicos elaborados na casa e bos chupiños de licor.
Programa do Entroido da Xironda
O Entroido comezará o día 12 de febreiro co Corredoiro. Continúa co sábado de Entroido, día 18, cando, a partir das 16 horas, se fará a xuntanza para ir apañar leña e facer o Entroido cunha churrascada popular.
O día grande será o domingo de Entroido:
- 12h.: xuntanza das Mázcaras á saída da misa. Música da Charanga TBD.
- 16h.: saída das Mázcaras.
- 18h.: verbena amenizada pola Discomóbil Jorge.
- 21h.: cea popular con porco ó espeto e sorbos, gran chocolatada e queimada.
O luns de Entroido, día 20, volven ter programada unha cea popular e unha nova verbena que contará coa participación da Discomóbil Jorge. Ó día seguinte, martes de Entroido, a Discomóbil Jorge volverá encargarse de pór música para finalizar os festexos; farase a subasta do falo do Entroido, unha cea popular a cargo da organización e a queima do Entroido a partir das 23 horas.