Restaurante Zapatillas, O Souto das Candeas e o seu irmán Regueiro da Cova son, polo de agora, os primeiros establecementos hostaleiros da vila que se sumaron á iniciativa do menú autocine e están dispostos a preparar ata un máximo de 600 no caso de que se vendan todas as entradas e os automóbiles vaian ao completo -5 prazas- a presenciar a estrea mundial en autocine de "María Solinha".
Calquera das opcións que se escollan terán un custe unitario de 8,5 euros e poderán ser solicitados, ben no propio local, ou ben utilizando a app Rumbo, a plataforma para móbiles que lle permite ao usuario solicitar comida nos restaurantes adheridos cun custo adicional de 2,8 euros polo servizo de transporte.
Restaurante Zapatillas, o máis próximo á superficie onde se proxectará o filme, oferta unha opción exquisitamente caseira: Croquetas e empanadillas coma as da avóa, tosta de xamón serrano e unha bebida a escoller entre refresco, cervexa ou auga.
A oferta culinaria do Restaurante Zapatillas.
O Souto das Candeas tira pola hamburguesa do máis ecolóxica, con carne de vitela do Riós e patacas de guarnición. Tamén inclúe un refresco, cervexa ou auga.
A hamburguesa ecolóxica do Souto das Candeas.
Regueiro da Cova, na rúa Alameda, sofistica un chisco máis a presentación e o nome: un bocadillo de PolledPork con guacamole e pataca asada. Nos 8,5 euros está engadida, coma no resto, a bebida a escoller entre o refresco, a cervexa ou unha auga.
Con todo, a ninguén se lle prohíbe que poida pedir por Rumbo un churrasco mixto con moita pataca para cear o vindeiro domingo día 21 vendo unha película no seu propio automóbil. Iso si, hai quen xa está botando en falta o caldeiro típico norteamericano de "palomitas".