martes 23.07.2019

Cando penso que te fuches, Raúl, rebélome e digo que non

"Fun membro da última executiva provincial do PSOE que presidiu Raúl e, sobre todo, amigo seu". A definición é de Francisco José Fraga Civeira, concelleiro e portavoz de Espazo Común no Concello de Piñor e cunha ampla experiencia política previas nas filas dos socialistas, cos que chegou a ser alcalde de Piñor, vicepresidente executivo da Fegamp e deputado provincial.

El, como tantos e tantos, botarán de menos ao exalcalde de Castrelo do Val e deputado autonómico, Raúl Fernández Fernández, soterrado este sábado.

Francisco José Fraga (esquerda) co seu amigo Raúl Fernández.
Francisco José Fraga (esquerda) co seu amigo Raúl Fernández.

OBITUARIO | Francisco José Fraga Civeira

 

Cando penso que te fuches, así; sen despedirte, non sabías ben a putada que nos facías.

Raúl, pero que necesidade había de privarnos da túa presenza!

Ti? Que nunca tiñas présa! Que nos regalabas o teu tempo, e digo teu  porque así era, non se fabricara reloxo que o medise, non se precisaba,  ti regalábasnolo como querías.

Ti que eras sempre o último en irte, a que veu isto? así de repente, con tantas conversas sen rematar.

Cando penso que te fuches, pregúntome: e agora, que? De quen seguirei aprendendo? Onde buscarei unha guía? Onte atoparei alguén que predique co exemplo como facías ti? Quen impartirá un maxisterio coma o teu?

Sen necesidade de levantares a voz, en moitas ocasións nin de abrires a boca. Abondaba con fixarse no teu bo facer; esa tranquilidade, ese sosego, esa seguridade que sempre infundías, ese encaixe tan teu para aturares a tanto desalmado como hai na política, ese sorriso sempre nos beizos como única resposta a tanta infamia que che tocou coñecer:

Que maneira, a túa, de sortear a tanto cinismo e hipocrisía. Que ben coñecías a condición humana, pese a non camiñares polo lado escuro da lúa dos teus admirados Pink Floyd.

O teu comportamento, ese espello no que todos tiñamos que reflectirnos.

Cando penso que te fuches, Raúl, rebélome e digo que non. Que non é certo. E non o é, porque sempre vivirás en nós, serás sempre un morto cheo de vida nun mundo cheo de mortos en vida.

Cando penso que te fuches, penso que non te fuches. Que estás aquí, entre nós. Que estarás sempre. Quero seguir escoitándote, coma tantas noites cando sacabas ó can a paseo ou a botar un pito e de paso devolvías as chamadas, e falabamos ata as tantas, sen tempo, sen medida: da política, das xentes, dos proxectos, das vidas.

raulataudeA igrexa de Castrelo do Val quedouse pequena para acoller aos amigos que quixeron despedir a Raúl Fernández.

 

Cantas verbas Raúl, quedaron gravadas en min! Cantas historias que non quero que teñan fin!

Cando penso que te fuches, Raúl, rebélome e digo que non. Que non é certo. E non o é, porque sempre vivirás en nós, serás sempre un morto cheo de vida nun mundo cheo de mortos en vida.

Cando penso que te fuches, Raúl, rebélome e digo que non
comentarios