viernes. 26.04.2024

OPINIÓN | Mascotas e nenos: conexión perfecta

Esther e "River" coñecéronse nun bar de Verín en 2017.
Esther e "River" coñecéronse nun bar de Verín en 2017.

Chamábame a atención un titular destes días, "Cuéntale al perro del juzgado lo que ha pasado en casa" (El País, 04/01/2022). O artigo narraba como un neno, testemuña esencial nun caso de violencia de xénero, só era capaz de testificar en presenza de Eika, unha labradora que "traballa" nos xulgados de Madrid.

Este caso, extremo de abondo, non deixa de reafirmar os múltiples beneficios dun animal e os vínculos que establece cunha nena ou neno tanto en condicións psicoloxicamente desfavorables ou que acadan un punto límite, como en situacións de normalidade, crecemento, educación e desenvolvemento.

A compañía dun animal aporta benestar a toda persoa que conviva con el. Aumenta a lonxevidade, preserva o equilibrio físico e mental, facilita os momentos de ocio e así reduce o estrés e diminúe o índice de depresión en xeral.

Nos nenos ademais do benestar que tamén inflúe en adultos, ter unha mascota xoga un papel moito máis importante no seu desenvolvemento socio educativo e, polo tanto, na súa saúde. Non só en animais de terapias asistidas, ou nos casos como Eika, onde se converten en acompañantes excepcionais nestas situacións. Os beneficios que aporta a convivencia cun animal na casa non pasan desapercibidos no ámbito social.

Axudan ó seu desenvolvemento emocional e afectivo

Os nenos e os animais enténdense á perfección e son relacións que se diferencian das que teñen coas persoas do seu entorno. O 50% das nenas e nenos asocian á súa mascota co seu mellor amigo. Esta comunicación entre mascota e crianzas favorece o desenvolvemento emocional. Axudan a xestionar e reducir o estrés e a ansiedade dos nenos e así aumentar a súa autoestima. As mascotas non xulgan, non ordenan, non se enfadan e perdoan en segundos. Sempre son cariñosas e a súa compañía fai que os nenos teñan unha imaxe deles mesmos excelente, sentindo así seguridade e apego.

 

Os nenos que conviven con mascotas desenvolven antes a linguaxe non verbal ó relacionar conductas do animal con significados concretos, polo tanto son capaces de establecer relacións con outras persoas máis doadamente porque xa teñen a capacidade de crear vínculos efectivos, sendo máis hábiles na interacción verbal coas persoas e aumentando a atención e a memoria.

Fomentan a alegría e eliminan a tristeza e diminúen os medos e inseguridades que poden aparecer na infancia. Alivian a ansiedade por separación cando algún familiar achegado falta, xa que son capaces de percibir, ó igual que un adulto, o apoio emocional que reciben das súas mascotas e buscan nelas unha fonte de consolo na mesma medida que o fan cos pais.

 

Educación en valores

Desenvolver competencias como son a responsabilidade, a empatía, o amor incondicional, a compaixón, a fidelidade... Vólvense esenciais para unha boa crianza dos fillos.

Ao participar no seu coidado, os nenos aprenden a ser máis responsables, xenerosos e a ter disciplina. Asumen así certas cargas e tarefas no seu día a día e participan na toma de decisións importantes con respecto á súa mascota.

Aprenden tamén a respectar á mascota, o seu hábitat, a súa saúde e a súa seguridade e por ende ós seus semellantes, aproveitando as grandes leccións de tolerancia que ofrecen. Aprenden a ser xenerosos de forma natural. Os animais ofrécennos mostras de cariño constantemente sen esperar nada a cambio.

Convivir cun animal tamén lles proporciona o coñecemento mellorado sobre os procesos vitais como o nacemento, a enfermidade e a morte.

Reduce o sedentarismo

O 80% das nenas e nenos de entre 9 e 14 anos prefiren xogar coas súas mascotas antes que con videoxogos. A crianza que vive con cans ou gatos fai máis actividade física e son máis participativos nos deportes de equipo. As mascotas son compañeiros de xogo incansables, tanto dentro como fóra da casa, polo que o xogo axuda a liberar parte da enerxía que teñen ambos. Fan nenos máis áxiles e melloran a súa forza, destreza e resistencia.

Por todo isto, as mascotas poden ser unhas xeniais aliadas no control da obesidade infantil e do aillamento.

Mellora a saúde

Segundo varios estudios inmunolóxicos, os nenos que conviven con animais dende idades moi temperás desenrolan un sistema inmune máis forte, poderían previr trastornos atópicos e incluso tender a padecer menos alerxias e asma na idade adulta, anque estas cuestións inda seguen investigándose.

Fálase hoxe do poder terapéutico dos gatos a través do rolar, xa que este vibrar de son harmónico tranquiliza e axuda a relaxarse, regula a actividade metabólica e desbota pensamentos depresivos.

Son numerosos os exemplos de actuacións como a de Eika, e outros animais empregados para terapia de nenos en situacións de necesidades, tanto físicas, como sociais ou emocionais. Estes contactos aportan a estes nenos unha maior motivación e estimulación que non teñen na vida cotián.

OPINIÓN | Mascotas e nenos: conexión perfecta
Comentarios