jueves. 18.04.2024
Secundino Fdz - Ana Pontón 20230522
Secundino Fernández, candidato do BNG en Viana, e Ana Pontón, voceira nacional do BNG. | FOTO: Noelia Caseiro.

Falamos con Secundino Fernández (A Pobra de Burón, A Fonsagrada), ex-alcalde de Viana do Bolo logo da moción de censura asinada polo PP e dous dos tres concelleiros do PSdeG-PSOE que se pasaran ó grupo de non adscritos. Encabeza, de novo, a lista do Bloque Nacionalista Galego como candidato á alcaldía de Viana do Bolo.

A súa entrada como cabeza de lista no 2011 supuxo o gran avance do BNG en Viana, arrebatando as maiorías absolutas que viña tendo o PP nas eleccións do 2015 e obtendo a alcaldía. Un fito histórico en Viana. Como afronta istas novas eleccións?

Como ben di, o BNG pasou de un concelleiro no 2007 a tres no 2011 e a 5 no 2015 no cal acadamos a alcaldía. Foi un feito histórico que gañaramos a un partido popular que viña de gobernar Viana na practica totalidade do período democrático. Esta evolución do voto ao BNG e as candidaturas encabezadas por min en Viana do Bolo indica un grande nivel de confianza de Viana nas políticas e propostas que faciamos para sacar a Viana da situación na que a tiña sumida o goberno do PP encabezado por Montesinos. Por desgraza para Viana toda esta actividade positiva viuse truncada pola moción de censura do PP de Montesinos e os tránsfugas do PSOE

Afronto estas eleccións cunha grande ilusión, con moito ánimo e sentindo o apoio das veciñas e veciños de Viana do Bolo. Afronto as eleccións con gañas de sacar a maioría que nos permita gobernar. Conformamos unha gran candidatura, renovada, de xente moi diversa con moitas incorporacións e cunha grande base social. Somos un gran equipo preparado, ilusionado, traballador, con enerxía, con ideas, con gañas. Un equipo no que hai enxeñeiros, gandeiros, licenciados en dereito, médicas, enfermeiros... persoas activas e xubilados. O mellor equipo para Viana.

Cando falamos de que o pobo é o que mais ordena, estamos falando de que non se pode falsear a vontade das veciñas e veciños de Viana

Coa experiencia que xa ten o BNG gobernando Viana, que propostas presentan para seguir traballando polo desenvolvemento do concello nesta nova lexislatura?

Temos un programa amplo que pretende sacar a Viana da parálise destes anos de goberno de Montesinos posteriores á moción de censura. Un programa que abarca todos os campos dende as infraestruturas a cultura, dende os servizos públicos a area social. É un programa completo para resolver os problemas de Viana do Bolo. Se teño que subliñar propostas pois temos a conversión da finca dos “Coleman” (finca de grandes dimensións abandonada que está ao lado do casco histórico) nun espazo público para uso e goce da poboación. Paseo peonil e senda ciclista a beira do encoro, dende Viana a ponte de Bembibre. Recuperar a praza Maior para a veciñanza. Seguir recuperando o patrimonio veciñal, etnográfico e cultural das nosas parroquias (muíños, fornos, forxas...) e por suposto mantendo as infraestruturas viarias e de servizos públicos como as traídas de auga, saneamentos...

O BNG defende “un espazo público recuperado para as persoas, vivo e democrático e fomentando a participación cidadá”... o pobo é quen máis ordena?

Cando falamos de que o pobo é o que mais ordena, estamos falando de someternos a vontade democrática da poboación, estamos falando de que non se pode manipular, non se pode vender, non se pode falsear a vontade das veciñas e veciños de Viana. Para min sempre foi fundamental a palabra dada, o compromiso coa poboación. Sempre pretendemos un entorno democrático e participativo no que as persoas opinaran e se sentiran partícipes das decisións que se toman. Decisións nas que se xoga o presente e futuro de Viana do Bolo.

Temos un programa amplo que pretende sacar a Viana da parálise destes anos de goberno de Montesinos

Vostede animou a Emilia Somoza a unirse ó goberno municipal de Verín. Ela foi quen de crear vida cultural na vila logo de anos sen ela; agora, Emilia volve á casa como número dous polo BNG. Non se sinte un pouco culpable por arrebatárnola? (Desculpe a retranca, imos botala en falta en Verín... Que queren facer por Viana no eido cultural?).

Cando souben que Emilia pretendía volver a vivir a Viana, a súa casa, e que polo tanto que pretendía deixar Verín e a actividade política púxenme en contacto con ela. Sabía da súa grande valía, coñecía o seu grande traballo e propúxenlle unirse a candidatura de Viana. Viña para gozar da sua merecida xubilación pero tamén viu que era necesario reverter as decadentes políticas do goberno Montesinos e darlle un novo pulo a Viana. En seguida se deu conta que tiña que por a sua experiencia e valía ao servizo de Viana.

A actividade cultural decaeu enormemente dende que nos expulsaron do goberno, paralizouse case todo. Polo tanto, pretendemos que volvan as programacións que había cando estabamos no goberno, música, teatro, arte, maxia... que fixeron de Viana un polo de atracción cultural en toda a comarca.

Seguir promovendo as nosas tradicións, como elemento principal o Entroido para tentar conseguir que sexa Festa de Interese Turístico Nacional, que solicitaramos cando estabamos no goberno e que non se conseguiu nestes tres funestos anos do goberno de Montesinos.

Sendo enxeñeiro de montes e enxeñeiro técnico agrícola, e sendo Viana un concello eminentemente agrícola e gandeiro, que medidas porán en marcha para o desenvolvemento rural sostible?

O sector agrogandeiro é o principal motor económico de Viana do Bolo e polo tanto ten que ter a atención precisa dende o concello. Coñezo perfectamente este sector pola miña faceta profesional como técnico na Xunta de Galiza na Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo

A Xunta de Galiza é o organismo que ten todas as competencias en materia agrogandeira. Dende o concello o que temos que actuar é como portavoz das xustas demandas do sector e colaborar e actuar para resolver os problemas que poda ter, dende deficiencias nas vías a cobertura da rede de telefonía ou internet. Tamén temos que apoiar a comercialización dos produtos agrarios locais como a castaña e o mel, así como colaborar coas comunidades de montes para por en valor os montes e así crear riqueza dunha forma sostible.

Vivir no rural ten que ser unha opción máis de vida e ten que ter os mesmos servizos que na cidade.

Viana é o segundo concello máis extenso de Ourense e vén sufrindo un mal común no rural, a grave perda de poboación. Que medidas habería que tomar para reverter este feito e loitar contra o baleiro do rural?

Vivir no rural ten que ser unha opción máis de vida e ten que ter os mesmos servizos que na cidade. Non pode ser que algúns nenos non teñan o transporte adecuado para ir a escola ou haxa lugares onde a cobertura móbil ou de internet non exista. Dende o concello temos que favorecer que haxa servizos públicos adecuados. Propomos medidas como: ampliación da Galiña Azul, incremento das horas de pediatría e dotación de persoal médico adecuada no centro de saúde de Viana do Bolo, incremento das horas no servizo de axuda no fogar na dependencia e na básica ata  chegar ao 100 % da demanda, xestionaremos a construción do Centro de Día porque as persoas maiores son unha prioridade, melloras na nosa principal vía de comunicación OU-533, entre outras.

Época de activismo público que me levaron a involucrarme para defender o rural e os servizos públicos

A última lexislatura foi moi movida en Viana; unha moción de censura expulsaba ó BNG do goberno municipal a pesar de ser os mesmos que o apoiaran para xestionar o goberno municipal. En que punto está a relación entre as forzas de esquerda? 

É difícil entenderse con forzas que non asumen a súa responsabilidade na moción de censura e que persisten en acusar ao BNG da situación actual. Forzas que nos acusan de crispar cando nos expulsaron cunha moción de censura. Forzas que no fan a mínima crítica ao desgoberno, a parálise, a perda de oportunidades, ao malgasto de fundos públicos que significou os tres anos do goberno de Montesinos e os tránsfugas do PSOE e que nos seguen acusando de todas as eivas de Viana.

Nado na Pobra do Burón, foi un dos que levou ó BNG a obter os mellores resultados no municipio fonsagradino ó acadar dous concelleiros. Por que entraches na política?

Sempre me gustaron os temas públicos dende que era pequeno, meu irmán maior foi concelleiro e polo tanto a política estaba presente na miña casa. Cando fun para universidade comecei a interesarme máis e tamén a nivel local vivín momentos de efervescencia política con numerosas mobilizacións. Época de activismo público que me levaron a involucrarme para defender o rural e os servizos públicos ante os ataques do goberno do PP dende a Xunta que pretendía deixar abandonada o concello e a comarca onde nacín, A Fonsagrada. Nese momento dinme conta que a forza que mellor defendía os intereses locais e galegos era o BNG e comecei a colaborar e posteriormente a involucrarme nas candidaturas.

ENTREVISTA | Secundino Fernández: "Queremos sacar a Viana da parálise destes anos de...