sábado. 20.04.2024
Seoane, segundo pola esquera, onte na Peroxa con González Formoso e Rafa Villarino. FOTO PSOE
Seoane, segundo pola esquerda, onte na Peroxa con González Formoso e Rafa Villarino. | FOTO: PSdeG - PSOE.

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este domingo a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán, ConMemora, que alude ás orixes do socialismo en Ourense, e que tivo lugar na Peroxa, baixo o lema Olladas de futuro en tempos complexos, coa participación do secretario xeral do PsdeG, Valentín González Formoso, e do secretario provincial do PsdeG - PSOE, Rafael Rodríguez Villarino.  

Durante o acto entregáronse os premios ConMemora. O premio á cooperación internacional outorgóuselle aos concellos de Chaves e Verín. Recolleron o galardón Gerardo Seoane, alcalde verinense, e Nuno Vaz, presidente da Cámara de Chaves, quen reafirmaron o seu compromiso de afondar nesa colaboración.

O espírito de colaboración entre os socialistas dos dous lados da raia presidiu o encontro, no que tamén estiveron presentes os alcaldes de Montalegre, Orlando Alves; Vilanova de Cerveira, Rui Teixeira; e Camiña, Miguel Alves. Entre os representantes socialistas das comarcas limiás, participaron entre outras, Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo; Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín, e Ramón Alonso, alcalde de Entrimo.

Aproveitando a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán, asinouse un acordo no que se formaliza o compromiso de ambos territorios, aprobándose a creación dunha comisión mixta de traballo que se reunirá con periodicidade semestral, alternando sedes en Portugal e España.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que Galicia e o norte de Portugal “constitúen un territorio único, singularmente, construído con base en profundas relacións históricas de veciñanza e de intercambio social, cultural e económico, que actualmente configura unha Eurorrexión en busca do seu pleno recoñecemento político e institucional na Comunidade Europea”. Destacan tamén que “é obxectivo das mulleres e homes socialistas de ambos territorios substituír as fronteiras por lazos de unión e convivencia que axuden a construír un imaxinario colectivo e un espazo común, próspero e plural”.

Unha unión que segundo destacan os socialistas “non debe limitarse aos 24 municipios que lindan entre ambos países, 17 en Ourense (Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro, Oímbra, Monterrei, Verín, Vilardevós , Riós, A Gudiña e A Mezquita) e 7 de Portugal (Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Terras de Bouro, Montalegre, Chaves e Vinhais), se non que deberá abranguer toda a provincia de Ourense e os catro distritos do norte portugués, porque consideramos que ambos territorios comparten problemas e oportunidades de desenvolvemento”

Inicialmente, serán parte desta comisión as alcaldías socialistas que estreman entre ambos países, así como a representación do PS nos distritos de Viana do Castelo, Braga, Vila Real e Bragança e en calquera lugar que este partido considere adecuado, e do PSdeG-PSOE en Galicia e Ourense, e comprometese a impulsar políticas de desenvolvemento mutuo óptimas, indican os socialistas ourensáns nun comunicado de prensa. 

O socialismo ourensán premia a Verín e Chaves pola súa cooperación transfronteiriza